Escudo Concello de Vigo

Servizos Sociais

Proxectos de atención personalizada

Centro de atención social continuada

Centro aberto permanentemente en horario continuado ou en horario complementario ao resto dos recursos sociais de atención ás persoas en situación de exclusión ou emerxencia social no que se ofertan servizos de atención ás necesidades básicas e/ou urxentes das persoas usuarias.

Centro de día de inclusión

Espazo socio-educativo de réxime diúrno dirixido a persoas que se atopan nunha situación de risco e/ou de exclusión social, sen fogar ou urxencia social, que presentan déficits ou carencias susceptibles de rehabilitación ou mellora.

O acceso prodúcese por derivación dos Servizos Sociais Comunitarios Básicos ou do propio CIIES e para permanecer é imprescindible iniciar un proceso de intervención cun Plan de Atención Individual (PIA).

Centro de acollida e inclusión

Centro que, en réxime residencial temporal e mediante unha actuación programada, ofrece oportunidades de axuste persoal e incorporación socio-laboral ás persoas en situación ou risco de exclusión social.

O Centro estrutura o seu traballo a través de dous programas:

  • Programa básico de acollemento e inclusión social, no que as persoas usuarias reciben atención social, manutención e aloxamento de xeito estable por un período de tempo determinado (6 meses prorrogables), mentres participan nun proxecto de inserción encamiñado ao logro da súa incorporación social e laboral.
  • O centro conta cunha capacidade de 11 prazas (5 para mulleres e 6 para homes) e para acceder ao programa é necesaria derivación dos Servizos Sociais Comunitarios Básicos ou derivación do propio CIIES.

  • Programa de transición á vida autónoma, recurso residencial de segundo nivel, que ofrece un aloxamento provisional de características normalizadas para favorecer a transición á vida autónoma.
  • Conta cunha capacidade de 8 prazas para varóns e vai destinado a persoas que, sendo vulnerables á exclusión social, contan con capacidade e posibilidades de inserción e normalización, con autonomía nas áreas de habilidades básicas da vida diaria (ABVD), habilidades sociais e na área económica.

    O acceso prodúcese mediante derivación externa ou do propio CIIES cando a persoa supera os obxectivos fixados no Piso Básico e ten perfil laboral, formativo ou formativo-laboral.

Servizo de Atención Psicosocial

Co obxectivo de ofrecer apoio e intervención especializada nos casos nos que a persoa usuaria teña problemas de índole psicolóxico relacionados co seu proceso de exclusión e podan constituírse como unha dificultade para a inserción e intervención social na que interveñen Traballadores Sociais, Educadores e Técnicos en Integración Social.