Parroquias

Vigo centro

O Casco Vello constitúe o primeiro núcleo da cidade, abranguendo os lugares tradicionais do Barrio do Cura, Ferrería e O Berbés. Este último, segundo as crónicas xurdiu como refuxio dos mariñeiros de Redondela que empregaban a súa bacía no caso de temporal. As primeiras referencias á rúa Poboadores datan do 1440 aludindo ós privilexios outorgados polo rei Xoán II a todos os que habitasen a zona. No 1656 constrúense as murallas de San Sebastián que delimitarán a vila.

Na praza da Pedra celebrábanse sesións de concello aberto nos séculos XVII e XVIII. Emporiso, os símbolos da contorna son a colexiata, do 1816, e a imaxe do Cristo da Victoria, unha talla realizada en torno ó 1680, venerada no interior do templo. Con todo, a bisbarra presenta pegadas de asentamentos anteriores. Así, no Castro diversas campañas de escavacións arqueolóxicas puxeron ó descuberto construccións pertencentes a un período que vai dende o s. II-I a.C. ata o s. III d.C..

Doutra banda, na rúa Hospital, en pleno centro urbano, localizouse un importante xacemento romano no que outrora fora patio dun antigo convento de monxas, baixo restos dos séculos XIX, XVII e, mesmo, medievais. A fins do XVIII e comezos do XIX, o crecemento económico da cidade fai que o casco urbano se vaia estendendo extramuros. Deste xeito, xorden espacios como a Porta do Sol, rúa do Príncipe, Colón, García Barbón…

Máis información en:
- Vigo. Centro Histórico

 

Concello de Vigo

Praza do Rei - 36202 - Vigo (Pontevedra) - Teléfono: 010 - 986810100