Mobilidade: tráfico e transportes
Os Plans de Mobilidade Urbana Sostible (PMUS) xorden como unha iniciativa que expón un conxunto de actuacións para reducir os impactos negativos do transporte e establecer formas de desprazamento máis sostibles, empregando modos de transporte eficientes e reducindo o impacto sobre as persoas e o medio natural. O Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía (IDAE) no documento " PMUS: Guía práctica para a elaboración e implantación de Plans de Mobilidade Urbana Sustentable ", establece a seguinte definición sobre do que é un PMUS: " Un Plan de Mobilidade Urbana Sustentable, PMUS, é un conxunto de actuacións que teñen como obxectivo a implantación de formas de desprazamento máis sustentables (camiñar, bicicleta e transporte público) dentro dunha cidade; é dicir, dos modos de transporte que fagan compatibles crecemento económico, cohesión social e defensa do medio ambiente, garantindo, desta forma, unha mellor calidade de vida para os cidadáns ".
Do mesmo xeito, a Comisión Europea, a través da Plataforma Europea sobre Plans de Mobilidade Urbana Sostible, na " Guía de desenvolvemento e implantación de plans de mobilidade urbana sostible ", define o que é un PMUS da seguinte forma: “Un Plan de Mobilidade Urbana Sostible (PMUS) é un plan estratéxico deseñado para satisfacer as necesidades de mobilidade das persoas e empresa nas cidades e os arredores na procura dunha mellor calidade de vida. Basease nas prácticas de planificación existentes e ten en conta os principios de integración, participación e avaliación".
Unha estratexia de mobilidade urbana sostible, por tanto, ten por obxecto garantir que tanto o sistema de transporte urbano, como a xestión do mesmo, responden as necesidades económicas, sociais e ambientais, reducindo ao mínimo as súas repercusións negativas.
O PMUS convértese, en resumo, nunha ferramenta de planificación e nun instrumento de concienciación e sensibilización para os cidadáns e cidadás, as administracións públicas e para o resto de axentes implicados na mobilidade, que confire garantías e fundamentos técnicos ás decisións relativas do transporte e da mobilidade, todas elas orientadas á consecución dun sistema de transporte eficiente e sustentable.
Comeza coa realización dun diagnóstico do sistema de mobilidade da zona en cuestión na situación de partida, detectando as súas debilidades e fortalezas, continúa cunha fase de análise dos resultados e previsión de posibles escenarios e conclúe cunha proposta de medidas que dan resposta ás necesidades de mobilidade.
O concello de Vigo aprobou por acordo da Xunta de Goberno Local de data 27 de xuño de 2014, o Plan de mobilidade urbana sostible da cidade de Vigo, (Expte 350/449). Dito documento se pode descargar no seguinte enlace:
O devandito plan, que integrou as estratexias vixentes no Concello de Vigo para a mellora e optimización da mobilidade urbana, materializouse case na súa totalidade, aínda que o transcurso de mais de 6 anos, e as actuacións desenvolvidas na cidade a través dos proxectos de "humanizacións" así como o desenvolvemento da “Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sustentable e Integrado, EDUSI VIGO VERTICAL" por parte da Concellería de Fomento como responsable da súa dirección e coordinación, e os importantes cambios no concepto de mobilidade urbana, aconsellaron a realización dunha actualización do devandito documento en relación ás actuacións executadas, e de acordo cos novos horizontes e cambios na lexislación e normativas estatais e europeas, polo que se procedeu a unha actualización do actual Plan de Mobilidade Urbana Sostible (PMUS), en consonancia coa metodoloxía establecida na "Guía práctica para a elaboración e implantación de Plans de Mobilidade Urbana Sostible" redactada polo IDAE, e tendo en conta a proposta da Comisión Europea sobre Mobilidade Urbana Sostible, aprobada en 2013, COM (2013) 913 final, e outros documentos a nivel europeo como a segunda edición das “Directrices Europeas para o Desenvolvemento e Implementación de Plans de Mobilidade Urbana Sostible”, co obxectivo de adaptarse ao novo marco estratéxico Estatal e Europeo.
Así a Xunta de Goberno Local de data 22 de setembro de 2021, aprobou a proposta de actualización do " Plan de mobilidade urbana sostible " do concello de Vigo (Expediente 969/441). Dito documento se pode descargar no seguinte enlace:
Concello de Vigo
Praza do Rei - 36202 - Vigo (Pontevedra) - Teléfono: 010 - 986810100