Medio Ambiente

Senda Azul: Litoral e Monte da Guía

A través dun trazo circular, de algo menos de 6 km, empeza ao carón do mar e percorre unha parte importante do litoral para logo subir ao Monte da Guía, a 128 metros, onde gozaremos dunha magnífica vista da ría e a cidade, e volver a descender até o punto de saída.

Na franxa costeira da parroquia de Teis están representados diferentes graos de intervención humana. A industria do naval cos estaleiros localizados entre pequenos areais, a área desmilitarizada da ETEA, os areais da Punta, Temoeiras e O Areíño, ao carón do paseo. Os cantís, entre Punta Areíño e o areal da Lagoa (onde se empraza o porto deportivo) e as empresas auxiliares e estaleiros (entre os areais da Fábrica e A Manquiña).

Vixiante dende o alto temos o Monte da Guía coroado pola súa ermida e rodeado por elementos de gran interese patrimonial como o gravado rupestre de Gondesende “Pedras das Augas”, un pozo comunal, antigas ruínas militares e as instalacións, agora sen uso, da ETEA que albergou a Base Naval de Ríos - Escola de Transmisións e Electricidade da Armada.

Dende o punto de vista do medio destacan os fondos mariños; representados por grandes bancos de area nos que se traballa o marisqueo de ameixa e navalla, pradarías de laminaria e seba ou as poboacións de Cabaliños de mar. A costa rochosa entre a Punta de Areíño e o areal da Lagoa que conservan, na parte terrestre, especies e hábitats de grande valor como o cerquiño (Quercus pyrenaica) ou a Bolboreta arlequín (Zerynthia rumina), especie catalogada “En Perigo de Extinción”.

Tamén debemos mencionar A Carballeira cedida ao Concello de Vigo por Dna. Fermina Alonso Lamberty e que posúe árbores, case centenarias, nas que se están a realizar traballos para a recuperación de insectos xilófagos (que se alimentan de madeira morta) como vacalouras (Lucanus cervus) e o escaravello lonxicornio (Cerambyx cerdo).

É importante destacar a forte participación social que caracteriza a esta parroquia. Posúe un tecido asociativo implicado, entre outros temas, en accións para a conservación do medio, sendo Voces Polo Litoral de Teis unha das asociacións máis activas e representativas.

 

Concello de Vigo

Praza do Rei - 36202 - Vigo (Pontevedra) - Teléfono: 010 - 986810100