Información

Do Século XV ó XVIII

Malia os continuos ataques de piratas, Vigo vai medrando. Gaña importancia neste período a actividade artesanal e o comercio, pero a actividade máis relevante é a pesca de sardiña.

En 1585..

O pirata inglés Francis Drake intenta tomar a vila, fracasando debido á oposición veciñal. Catro anos despois, ataca de novo a cidade, arrasando e queimando todo o que atopa ao seu paso.

Os armadores vigueses organizan a defensa e conseguen a patente de corso da coroa para saquear os barcos comerciais inimigos.

En 1617..

Os piratas turcos intentan o asalto da cidade, sendo repelido polos veciños. Estes frecuentes ataques marítimos obrigan a construír en 1656 as murallas da cidade e do Castelo de San Sebastián.

En 1702..

Prodúcese o episodio máis importante da historia da cidade: a batalla de Rande. A frota anglo-holandesa persegue dentro da ría a Frota da Prata española e os barcos de guerra franceses que a escoltaban. Esta importante frota, cargada de riquezas procedentes de América é destruída despois dunha cruenta batalla no mar e na terra. Os ingleses conseguiron levar varios barcos con tesouros pero o resto foron afundidos polas chamas e, hoxe, atópanse no fondo mariño da enseada de San Simón.

En 1778..

Carlos III rompe co monopolio dos portos autorizados a comerciar con América e Vigo comeza a beneficiarse do tráfico de alto bordo. Nesta época a vila estaba completamente pechada cunha muralla, construída con motivo da Guerra de Restauración Portuguesa ante o temor dunha posíbel invasión. Preto do mar estaba o baluarte da Laxe e, no lado oposto, o castelo de San Sebastián. Ao longo da muralla abríanse sete portas: a da Falperra, a do Berbés, a do Mar, a da Laxe, a da Gamboa, a do Sol e a do Pracer.

Na segunda metade do século XVIII..

A chegada á cidade de comerciantes e industriais cataláns supón unha pequena revolución económica, proliferando as fábricas de salgadura, xabón e produtos de coiro e liño.

 

Concello de Vigo

Praza do Rei - 36202 - Vigo (Pontevedra) - Teléfono: 010 - 986810100