Información
Durante este período, a igrexa dominaba a sociedade galega. A cidade de Vigo dependeu durante moitos anos do mosteiro cisterciense de Melón.
Foi unha época marcada polas frecuentes incursións da piratería procedentes do norte de Europa. Estes sucesos motivaron o desprazamento da poboación cara ao interior na busca de máis seguridade, refuxiándose no Monte do Castro.
Durante a Idade Media, Vigo era coñecido polas súas plantacións de oliveiras e o florecente comercio pesqueiro.
Hai constancia documental de igrexas románicas no actual termo municipal que proban a existencia de importantes asentamentos de poboación na zona nos séculos XI, XII e XIII, en localizacións que coinciden coas actuais parroquias viguesas. Deste período destacan Santiago de Bembrive, San Salvador de Coruxo e Santa María de Castrelos. Consérvanse ademais dúas pontes, en Sárdoma e Fragoso, respectivamente, e restos románicos na ermida do Freixo en Valadares e nas igrexas barrocas de Sárdoma e de Santa Cristina de Lavadores.
A partir do século XII, no que a cidade comeza a recuperar poboación, Vigo segue sometido ao poder da igrexa e dos señores feudais. A parroquia de Santiago de Vigo era a máis importante da vila xunto co barrio de Santa María. O desenvolvemento da cidade viuse limitado debido a que a Coroa outorgoulle a Baiona a facultade de comerciar por mar con outras cidades.
Destaca neste etapa as fermosas Cantigas de Amigo compostas por Martín Códax.
Concello de Vigo
Praza do Rei - 36202 - Vigo (Pontevedra) - Teléfono: 010 - 986810100