Parroquias

Cíes

As illas Cíes constitúen un dos maiores atractivos turísticos do sur de Galicia e forman parte do Parque Nacional das Illas Atlánticas. O arquipélago, situado na boca da ría de Vigo, está formado por tres illas principais: Monteagudo, Monte Faro e San Martiño, xunto a pequenos illotes como Agoeira, Viños, Carabelos e O Ruzo.

Ademais das praias o outro grande atractivo de Cíes, que dispoñen de microclima, son os seus cantís e os denominados niños de abellas e as cacholas, cavidades redondeadas producidas na superficie das rochas que acaban fusionándose dando lugar a oquedades maiores como as da Campana e o Alto do Príncipe. Un proceso similar dá lugar ás pías, xurdidas en superficies horizontais, e ás furnas, das que hai 18 nas illas.

O primeiro asentamento humano do que se ten constancia é o poboado castrexo situado na aba do Monte Faro, datado nos inicios da Idade de Ferro. Os romanos tamén citaron e mesmo viviron nas Cíes, como reflicten as cerámicas, as tégulas e as referencias de Strabon, Plinio ou Ptolomeo. Na Idade Media as illas recibiron a visita dos Normandos e no século XI aparecen as primeiras comunidades de eremitas beneditinos.

No XVI desembarcan nas Cíes o corsario inglés Drake e piratas berberiscos. As continúas invasións provocan o abandono das illas dende o 1700 ata o século XIX, cando se constrúe o primeiro faro. Na segunda década do século XX as illas foron sede dunha factoría baleeira noruega. Actualmente, só os gardas forestais e un nativo permanecen na illa durante todo o ano.

Máis información en:
- Parque Natural das Illas Atlánticas
- Historia
- Sub-Cero.com

 

Concello de Vigo

Praza do Rei - 36202 - Vigo (Pontevedra) - Teléfono: 010 - 986810100