Parroquias

Candeán

Inicialmente pertencía ao antigo concello de Lavadores. En Candeán viven 4.602 habitantes, segundo os datos máis recentes. A parroquia está presidida por dous cumios, os dos montes da Madroa, e do Vixiador, dende os que se pode ver unha ampla perspectiva da ría e de Vigo. A parroquia conserva pegadas de asentamentos prehistóricos como petroglifos e dolmens. Tamén existen restos dunha vella construción medieval defensiva denominada polos veciños Da Torre.

A orixe do topónimo Candeán é dabondo controvertida. A hipótese máis verosímil é que relaciona este topónimo coas voces "candea" (combustible para a luza do fogar) ou con "cando" (tizón), e vería indicar un lugar onde se recollía ramalla ou folla seca para prender o lume.

A orixe de Candeán como parroquia remóntase a fins do século XVIII aínda que non é ata comezos do XIX cando se constrúe a actual igrexa de San Cristovo. No interior do cemiterio se topa un dos dous cruceiros cos que conta a parroquia, realizado probablemente no 1887.

Nas abas da Madroa, ademais dun monumental dolmen coñecido por Casa dos Mouros, atópanse o zoolóxico de Vigo, único de Galicia con máis de 600 animais, hoxe convertido nun centro de estudo e recuperación de especies autóctonas e as instalacións deportivas auxiliares do Real Club Celta. En Candeán desenvolven as súas actividades un centro cultural e unha asociación de baile e danza. O segundo domingo de setembro celébrase en Candeán a Festa dos Pexegos na que, anteriormente, tomaban parte danzas copiadas das parroquias veciñas.

Máis información en:
- Casa dos Mouros

 

Concello de Vigo

Praza do Rei - 36202 - Vigo (Pontevedra) - Teléfono: 010 - 986810100