Parroquias

Cabral

Cabral aséntase nunha superficie de 8,72 quilómetros cadrados algo montañosos, nas lindes co concello de Mos. A primeira referencia á parroquia data do 1156, nunhas partidas establecidas entre o Cabildo da catedral e o bispado de Tui. O topónimo deriva da palabra latina "capra", xunto ó abundancial -ale, co que significaría lugar abondoso en cabras.

Verbo do seu patrimonio etnográfico, son salientables o preto da centea de hórreos inventariados, os máis deles con máis de cen anos de antigüidade, os lavadoiros e os petos de ánimas. A igrexa parroquial foi construída a mediados do século XVIII.

Ten 6.951 veciños, segundo o último censo, que senten de preto a proximidade do aeroporto de Peinador. Nesta parroquia está situado tamén o recinto feiral de Coutogrande e diversas instalacións industriais, como a fábrica do Grupo de Empresas Álvarez, que foi un dos motores do desenvolvemento económico de Vigo.

Pero en Cabral tamén hai sitio para a tranquilidade do parque forestal da Becerreira, por exemplo, ou para a feira do pan de millo. Existen diversas asociacións veciñas e culturais, como o Clube de Petanca ou a Unión Musical. Cabral é a segunda parroquia de Vigo con máis asociacións rexistradas, cun total de 26.

Máis información en:
- Unión Deportiva Santa Mariña de Cabral

 

Concello de Vigo

Praza do Rei - 36202 - Vigo (Pontevedra) - Teléfono: 010 - 986810100