Parques e sendeirismo

Vigozoo

Enderezo: A Madroa s/n
Teléfonos: 986 267 783 / 986 267 784
Fax: 986 273 187
Web: www.vigozoo.com
e-mail: vigozoo@vigo.org

Liña de autobús urbano: C9B e L28

Vigozoo é o único parque zoolóxico que existe en Galicia. Está situado no monte da Madroa, a 300 m do nivel do mar e a uns 10 km do centro da cidade. Conta cunha superficie de 55676 m².

Foi constituído como fundación pública polo Excelentísimo Concello de Vigo, por acordo plenario do 26 de febreiro de 1970, creado por iniciativa de D. Rafael Portanet cando era alcalde de Vigo, e construído polo seu sucesor no cargo, D. Antonio Ramilo Fernández-Areal.

Inaugurouse o 18 de xullo de 1971. Por acordo plenario do 23 de febreiro de 1990, cambia a súa denominación de Fundación Pública Municipal Parque Zoolóxico da Madroa, pola actual de Organismo Autónomo Municipal "Vigo-Zoo".

Instalacións

  • Aves e mamíferos: formada por representantes de diferentes especies animais de África, Europa, América e Oceanía, con interesantes exemplares de cada continente.
  • Exotarium: situado no edificio de usos múltiples, conta cunha gran superficie onde se dan cabida a máis de 50 especies de insectos, arácnidos, anfibios e reptis, presentados en instalacións naturalizadas. No aviario e bolboretario expóñense aves durante todo o ano, mentres que as bolboretas só están presentes durante os meses de verán, cando as condicións son óptimas.
  • Salón de actos: atópase no edificio de usos múltiples, ten unha capacidade para 81 persoas e conta cun moderno equipo audiovisual no que se realizan proxeccións de temática variada para o público visitante.
  • Naturolab - Laboratorio da natureza: situado nas proximidades do auditorio, funciona todos os días agás o luns, en modo de exposición continua e interactiva. Nel poderás tocar e observar as incribles ferramentas que os animais empregan para sobrevivir.
  • Novo Nocturama: en proceso de naturalización e enriquecemento ambiental, ocupa o lugar da antiga instalación de primates. Acollerá unha pequena colección de animais con hábitos preferentemente nocturnos, que seran observables en penumbra para poder apreciar mellor como sería a súa actividade nun medio similar ao natural.
  • Granxa escola e invernadoiro: situada preto da entrada do zoo. Os primeiros recintos albergan distintos animais domésticos e as súas crías.
  • Sala de exposicións non permanentes: situada sobre a cafetaría, a sala contén exposicións temporais de contidos variados referentes á natureza e o medio ambiente.
  • Cafatería e tenda de recordos: situadas moi preto da entrada.

Actividades

Ao longo de todo o ano, nas instalacións de Vigozoo realízanse diferentes actividades dirixidas a todo tipo de público, tanto nenos como adultos, como poden ser:

  • Visitas programadas: o departamento de Educación Ambiental ofrece actividades educativas a centros escolares, grupos organizados e público en xeral. Reservas e información: 986 267 783 / 986 267 784
  • Charlas interpretativas
  • Concursos de cómics
  • Programas para nenos como:
    • “Un día no zoo”
    • “A mesa dos materiais”
    • “Toca-toca”
    • “Un campamento no zoo”, cos que se lles pretende dar unha alternativa de ocio aos nenos, ao tempo que reciben unha adecuada educación ambiental.

Todos os sábados, domingos e festivos, en horario de tarde, existen distintas actividades gratuítas dirixidas ao público xeral.

 

Concello de Vigo

Praza do Rei - 36202 - Vigo (Pontevedra) - Teléfono: 010 - 986810100