Cultura e arte

Teatro Fraga

Enderezo: rúa Uruguai, 3
Teléfono: 986 815 077
Fax: 986 815 028
Páxina web: www.novagaliciabanco.es

O Teatro Cine Fraga, situado na rúa Uruguai, 3-5, esquina Isabel II, foi proxectado por Luis Gutiérrez Soto en 1942 por encargo de Isaac Fraga Penedo, o empresario exhibidor de cine máis importante de Galicia nesta época, cuxa intención era a de construír a mellor sala de cine da cidade.

Asínase o proxecto en xullo de 1942. Na memoria, o arquitecto sinala a intención de ambientar a construción dentro da tradición galaica. Porén, a modernidade rexeitada para o exterior do edificio, permanece na organización interior. O edificio estruturábase en catro partes diferenciadas: local destinado a teatro e cine, sala de festas, salón de té e oficinas.

A sala de festas situábase en dous niveis do soto. O inferior acollía a pista de baile e o superior dispoñíase como un amplo anfiteatro.

O cine ocupaba o andar principal cun amplo patio de butacas e dous anfiteatros voados. A sala foi proxectada cunha capacidade de 1758 localidades das cales 844 correspondía ao patio de butacas, 274 ao anfiteatro do entresollado e 640 ao anfiteatro principal.

O edificio completábase cun local de dous andares con fronte á rúa Isabel II e oficinas no entresollado e andares superiores.

O cine inaugúrase o 27 de marzo de 1948 cunha función de gala na que se estrea a película Botón de Ancla.

O 30 de xuño de 2001, Caixa Galicia adquire o Teatro Cine Fraga co fin de establecer en Vigo unha sede permanente onde desenvolver actividades de carácter sociocultural.

Cun aforo actual de 839 butacas, o Cine Fraga acolle desde o seu comezo o Festival Are More de música organizado polo Concello de Vigo e patrocinado pola anterior Fundación Caixa Galicia.

O seu escenario ten unha boca de 12 metros e un fondo de 8,5 metros, e conta cunha Caixa Acústica considerada como unha das mellores do mundo. Por el pasaron artistas do talle de Kiri Te Kanawa, Ute Lemper, María Bayo, Ewa Poddles ou Teresa Berganza.

Celebráronse actos de presentación de libros, cine, teatro, espectáculos de humor, programas de radio e televisión, etc.

Cunha superficie total construída de 6.000 metros cadrados acometese a partir de 2005 a rehabilitación deste edificio.

Coa reforma, encargada ao arquitecto pontevedrés Cesar Portela, o auditorio dará cabida a 1.300 butacas e reservaranse para espazos expositivos 2.100 metros cadrados no soto. O resto do espazo ocuparano ciberaulas, puntos de información, salas de lectura e reunións, entre outros.

 

Concello de Vigo

Praza do Rei - 36202 - Vigo (Pontevedra) - Teléfono: 010 - 986810100