Cultura e arte

Edificio da Sede Social de Novacaixagalicia

  • Arquitecto: Antonio Cominges
  • Ano: 1948
  • Localización: Rúa de Policarpo Sanz, 24

En novembro do 1947, a Xunta de Goberno da Caixa de Aforros Municipal de Vigo decide convocar un concurso de anteproxectos para a construción dun edificio que acolla a súa sede central. O edificio estaría situado nun soar delimitado polas rúas García Barbón, Marqués de Valladares, Colón e Pontevedra. Ao concurso preséntanse 38 anteproxectos, pero na súa resolución (abril de 1948) o primeiro premio queda deserto.

En agosto do 1948 encárgaselles o proxecto definitivo aos arquitectos que obtiveran o segundo premio, Gaspar e José Blein Zarazaga e Manuel Romero Aguirre. A institución decide ademais a participación de Antonio Cominges Tapias no proxecto. Este arquitecto realizará o primeiro proxecto para a fachada frontal da rúa García Barbón.

A fins de 1951, a Xunta de Goberno da Caixa, aproba o proxecto definitivo do edificio. As obras adxudícanse á casa Rodolfo Lama.

Na composición das fachadas, observamos unha retícula ordenada de vans que carecen de ornamentación. En cada planta, nos chafráns colocaron balcóns arredondados, seguindo un esquema moi utilizado nese período. No pórtico da rúa García Barbón, cambiouse a colocación das estatuas, que pasaron dos intercolumnios ao remate da composición. Estas catro figuras representan o aforro, o traballo, a xustiza e a tradición familiar. Tamén se variou o tipo de columna na execución do edificio; substituíronse os capiteis dóricos por outros palmiformes. A escultura que coroa a confluencia de García Barbón e Colón simboliza o anxo tutelar do aforro.

 

Concello de Vigo

Praza do Rei - 36202 - Vigo (Pontevedra) - Teléfono: 010 - 986810100