Escudo Concello de Vigo

Cultura e arte

Edificio Bonín

  • Arquitecto: Jenaro de la Fuente Domínguez
  • Ano: 1910
  • Localización: rúa do Areal, 40 - 42

É unha das principais obras do autor na cidade que se conserva íntegra. É de estilo ecléctico e está composta por un andar baixo e tres andares. As dúas fachadas do edificio articúlanse a través dun chafrán circular de gran profusión decorativa, do que destacan os arcos de medio punto sustentados por columnas clasicistas que se superpoñen á carpintería das fiestras, cada unha delas cun balcón enmarcado por pilastras almofadadas. No segundo andar sitúanse uns capiteis de deseño libre nos que aparecen enlazadas as letras M e A, as das iniciais dos propietarios: Manuel Rodríguez Rodríguez e Anxelina Bonín.

As fachadas ordénanse simetricamente a través dun pavillón central torreado e dous laterais que enmarcan os tramos intermedios, aínda que da fachada da rúa do Porto só se construíu unha parte.

A ornamentación é dun recargado barroquismo, e non queda ningún oco en toda a fachada sen decoración.

Como é característico deste estilo, os andares singularízanse por un cambio na ornamentación de cada un deles, aparecen falsas claves, filigranas nas roscas dos arcos, máscaras de rostros monstruosos, grinaldas, etc.