Cultura e arte

Instituto Santa Irene

  • Arquitecto: Antonio Cominges
  • Ano: 1941
  • Localización: praza de América s/n

Edificio realizado co capital doado por José Policarpo Sanz á cidade de Vigo tras o seu falecemento.

José Policarpo Sanz, filántropo nado en Marín e finado en París en 1889, alcanzara gran fortuna na emigración en Cuba e nos Estados Unidos. Tras a súa morte, o seu testamento indicaba o legado da súa fortuna á cidade de Vigo, pero esta doazón incluía unha serie de cláusulas. Tras a morte da súa esposa, Irene de Ceballos, unha parte do capital tería que destinarse á construción dun edificio de cantería que sería utilizado como colexio e instituto e que levaría o nome de "Santa Irene". Neste instituto reservaríase unha sala para exposicións da súa colección de arte, que tamén lle doou á cidade. A outra parte do seu capital iría destinada á creación dun hospital de caridade. Irene de Ceballos finou en agosto de 1935.

En marzo do 1941, a corporación municipal presidida por Luis Suárez Llanos, asume a cesión da parcela do Carmen para comezar a construción do instituto. O arquitecto Antonio Cominges Tapias será o encargado de deseñar o proxecto, e das obras encargarase a casa Pérez Conde.

As obras rematan en marzo de 1946. O instituto Santa Irene é inagurado oficialmente o 16 de setembro dese mesmo ano, nun acto celebrado no paraninfo do centro.

Trátase dunha construción con planta en forma de E, buscando unha maior iluminación e ventilación do interior. A fachada principal segue un esquema ecléctico. A ornamentación céntrase nun corpo central, destacado cunha poderosa torre que actúa como elemento emblemático e referencial. O primeiro e segundo andar está composto por unha sucesión de columnas xónicas dobres que se suceden verticalmente. No acceso principal hai un amplo pórtico sobre o que se sitúa unha terraza ornamentada cunha balaustrada de estilo neobarroco. Nos tramos laterais sitúanse unhas pilastras que delimitan unha sucesión ordenada de vans. Destaca o tratamento da cantería; na construción utilizouse granito branco de Ulló (Arcade) e doutro de similar calidade.

 

Concello de Vigo

Praza do Rei - 36202 - Vigo (Pontevedra) - Teléfono: 010 - 986810100