Cultura e arte
O edificio foi construído en dúas etapas. Na primeira construíuse a fachada principal de García Barbón e o primeiro treito da rúa de Pontevedra e concluíuse en 1900. O seu dono, José García Barbón, cedello ao concello para dedicalo a Escola de Artes e Oficios e Biblioteca Pública. En 1902 engádeselle un corpo novo para dedicado ao ensino para mulleres. Esta ampliación remata en 1904.
O conxunto presenta un carácter ecléctico cunha decoración que provoca unha aparencia de estilo neomedieval.
A fachada de García Barbón está disposta en tres corpos, dous máis adiantados que enmarcan o central, diferenciado tamén polo tratamento dos vans.
O carácter ecléctico da obra preséntase por cambiar a ornamentación, para diferenciar cada un dos andares, remarcado tamén por unha moldura que percorre as liñas de imposta decoradas cunha cinta vexetal nos tramos centrais.
No primeiro andar destaca un amplo van con mainel que se decora no antepeito cunha galería cega de pequenos arcos de medio punto.
Na fachada da rúa de Pontevedra destaca o balcón, con arcos de medio punto nas varandas, os mesmos que vemos na coroación do inmoble. En canto o van que coroa o balcón, aparece decorado cunha cinta vexetal e no sobrelintel un arco en cortina, decorado con cardas e un pináculo no centro que se relaciona co gótico flamíxero.
O edificio anexo, engadido posteriormente, enlaza co anterior mediante un pórtico rematado en frontón conopial. A súa decoración é máis contida, no segundo andar destaca unha galería de vans alintelados e separados por columnas superpostas.
Concello de Vigo
Praza do Rei - 36202 - Vigo (Pontevedra) - Teléfono: 010 - 986810100