Cultura e arte
É unha das obras máis emblemáticas de Michel Pacewicz e do eclecticismo do século XIX na cidade. É coñecido popularmente como "Hotel El Moderno", ao ter albergado durante moito tempo unha instalación hoteleira.
Neste edificio mestúrase maxistralmente o eclecticismo parisisno do autor co traballo dos canteiros locais.
Presenta dúas fachadas articuladas a través dun chafrán arredondado rematado cunha cúpula e un pavillón. No primeiro andar destacan os vans rematados en arcos de medio punto e a balconada corrida de cantería.
A fachada de Policarpo Sanz é simétrica, con dous corpos laterais rematados nun frontón neobarroco perforado cun óculo ornamentado. No segundo e terceiro andar estes corpos destácanse mediante a utilización de columnas corintias xigantes. A fachada da rúa Carral é de semellante composición mais disposta dun modo asimétrico.
En canto á decoración, destacan as grilandas florais que enmarcan os linteis dos vans dos andares superiores e as distintas ménsulas e falsas claves dos arcos de todo o edificio.
Foi reformado varias veces e nunha destas reformas realizada por Desiderio Pernas transfórmase o sistema de cubertas e pérdese o cromatismo da cúpula do chafrán.
Concello de Vigo
Praza do Rei - 36202 - Vigo (Pontevedra) - Teléfono: 010 - 986810100