Cultura e arte
Este edificio foi sede do Banco de Vigo e acolleu máis tarde as oficinas da Caixa de Aforros Municipal de Vigo e despois as do Banco Pastor.
É de estilo ecléctico aínda que perviven algúns elementos decorativos modernistas e unha clara monumentalización debida ao uso que se lle vai a dar ao edificio.
As fachadas son de cantería de granito. Un dos elementos máis destacados é o chafrán, coroado cunha cúpula no que se sitúa o acceso principal ao banco, así como un amplo van vertical que culmina cun arco de medio punto, no que, enriba da falsa clave, aparece a figura mitolóxica dun mozo.
As fachadas ordénanse verticalmente mediante un corpo base no andar baixo, pilastras no tramo superior e un último andar que actúa como entaboamento. Á súa vez, cada unha destas partes está enmarcada por unha moldura horizontal.
No andar baixo acentúase o clasicismo debido á súa función como sede de oficinas bancarias, con columnas clásicas pareadas.
En canto á decoración hai que destacar os pináculos de remate do chafrán e da fachada principal de Policarpo Sánz, os recadros marcados na pedra con decoración vexetal, os discos planos con miúda decoración floral e a integración do ferro como elemento decorativo nos enreixados dos portais e fiestras do andar baixo e nos peitorís dos balcóns.
Destacan tamén as figuras escultóricas que representan figuras femininas de culturas dos diversos continentes na coroación do edificio, que reflicten que Vigo é unha cidade marítima aberta e en contacto cos distintos pobos e culturas do mundo a través do seu porto.
Concello de Vigo
Praza do Rei - 36202 - Vigo (Pontevedra) - Teléfono: 010 - 986810100