Cultura e arte
É unha das obras arquitectónicas máis emblemáticas da cidade. O actual edificio é consecuencia da reconstrución do antigo teatro Rosalía de Castro, incendiado en 1910 cando se celebraba un baile de entroido.
Para evitar que se perdese o teatro, a familia do filántropo José García Barbón encárgalle as obras do novo edificio ao arquitecto Antonio Palacios que deseña un edificio monumental no que se integran diversas funcións como cinematógrafo, casino e teatro.
No andar baixo estaría situado o vestíbulo principal, a escaleira de honra e o salón do teatro de planta circular. Na parte inferior do edificio, aproveitando o desnivel do soar dispúñase a sala de cinematógrafo e un espazo destinado a restaurante. Hoxe en día parte desta distribución interior cambiou, e actualmente o edificio conta cun teatro-sala de concertos con capacidade para 994 persoas, un auditorio con 475 plazas, salas de seminarios, biblioteca, etc.
En canto á arquitectura, cómpre destacar a fachada principal na que se poden observar influencias da Ópera de París de Charles Garnier e do teatro Arriaga de Bilbao recollidas no tratamento curvo da fachada ou na súa separación en tres tramos mediante grandes machóns. En canto ás fachadas laterais, obsérvase xa un maior rigor formal e unha maior restrición omamental, destaca a gran superficie acristalada das dúas laterais.
Todo o edificio foi restaurado polo arquitecto Desiderio Pernas entre os anos 1982 e 1984 tras ser adquirido pola entidade financeira Caixanova para convertelo nun centro cultural. Cubriuse cunha cuberta de cobre para acoller a biblioteca, colocáronse as esculturas dos cabalos de bronce de Juan Oliveira nos machóns da fachada principal e o resto das figuras de pedra de Manuel García Buciños, alegorías da pintura, teatro, escultura, literatura, cine e música. Foi inaugurado o 22 de marzo de 1984.
Concello de Vigo
Praza do Rei - 36202 - Vigo (Pontevedra) - Teléfono: 010 - 986810100