Cultura e arte
Edificio de dez plantas dedicado a vivendas e oficinas. A súa construción comeza en 1942 pero non será até sete anos máis tarde, no 1949, cando finalicen as obras. É por isto que no edificio se poden observar distintos estilos arquitectónicos, formas racionalistas xunto con outras neobarrocas rexionalistas, como no caso das balconadas superiores con pináculos, frontóns partidos, volutas, etc., que non aparecen no proxecto orixinal. A estrutura é de formigón armado e os muros de granito.
Ten unha composición simétrica respecto ao ángulo central do edificio. Como elemento orixinal pódese salientar a curvatura das bandas de pedra horizontais que delimitan as fiestras e que conflúen neste ángulo. Así mesmo destaca tamén o tratamento do chafrán que na planta baixa ten formas arredondadas e nos andares superiores presenta un ángulo recto.
Destaca a gran monumentalidade e verticalidade do edificio conferida polos volumes dispostos en chanzos e rematados por unha escultura feita por Jesús Picón copia da Vitora de Samotracia.
Concello de Vigo
Praza do Rei - 36202 - Vigo (Pontevedra) - Teléfono: 010 - 986810100