Actualidade

Avisos

TRANSPORTE: Vitrasa colabora coa AECC Vigo nunha campaña de prevención do cancro de pel no verán

Temática: Transporte

Data de publicación: 19-07-2021

Vitrasa, empresa concesionaria do transporte público de Vigo, colabora coa Asociación Española Contra o Cancro de Vigo na difusión da campaña “Este verán non xogues co sol”, que ten por obxectivo concienciar aos vigueses e viguesas sobre a importancia de protexerse fronte as radiacións solares, xa que unha exposición inadecuada pode causar alteracións na pel que ocasionan graves enfermidades.

En concreto, Vitrasa emitirá nas pantallas dos autobuses das liñas que prestan servizo aos areais un vídeo con consellos para os coidados a ter en conta fronte ao sol para este verán. A campaña, que a AECC terá activa durante o periodo estival, tamén contará coa difusión nas redes sociais do transporte público e nos canais da asociación.

Vitrasa e a AECC levan anos colaborando na concienciación sobre o cancro na cidade. A última ocasión foi no mes de maio, na campaña “Menos fumes, menos cancro”, lanzada o Día Mundial Sen Tabaco.

A AECC Vigo axuda aos pacientes de cancro e os seus familiares ofrecendo servizos de balde de: atención psicolóxica, social, logopedia e atención psicosocial a pacientes avanzados e as súas familias, ademais de charlas de prevención para concienciar á poboación viguesa. No ano 2020 realizou un total de 8.441 intervencións e nos catro primeiros meses de 2021, un total de 2.374 intervencións a vigueses e viguesas con cancro e as súas familias.

Servizo especial ás praias

Dende o día 15 de xullo, Vitrasa pon en marcha o servizo especial ás praias de Vigo. Un total de 7 liñas conectarán Vigo con todos os areais, chegando en puntos como Samil a unha frecuencia de aproximadamente 5 minutos. En concreto, ademais das 6 liñas que conectan Vigo coas praias: L10, L11, L12A, L15A, L15B e L15C, tamén amplía o seu percorrido a liña C3 en todos os días da semana, mantendo os seus horarios habituais. Por outra banda, nas horas punta reforzarase o servizo para facilitar a mobilidade ós areais. Este servizo especial ás praias finalizará previsiblemente o vindeiro 31 de agosto.

Recomendacións aos usuarios

Ademais destes importantes consellos a ter en conta coa exposición ao sol, Vitrasa lembra aos usuarios e usuarias do bus urbano que é obrigatorio o uso de máscara no interior dos vehículos, recoméndase o pago con tarxeta PassVigo e, no caso de levar efectivo, é preferible aportar o importe exacto do traxecto. Outras das recomendacións é evitar as conversas durante a viaxe (incluso por teléfono móbil) e acceder de forma ordenada ao bus. Ademais, non está permitido comer nin beber nos autobuses.

 


 

Concello de Vigo

Praza do Rei - 36202 - Vigo (Pontevedra) - Teléfono: 010 - 986810100