Escudo Concello de Vigo

Actualidade

Avisos

Covid-19: O Concello de Vigo reforza o servizo de voluntariado para canalizar a axuda á poboación máis vulnerable e crea un rexistro web para persoas voluntarias

Temática: Covid-19

Data de publicación: 17-03-2020

O Concello de Vigo reforza o servizo de voluntariado habilitando un rexistro web específico para canalizar as ofertas de persoas voluntarias dispostas a prestar axuda e dar resposta ás necesidades da poboación máis vulnerable ante o avance do coronavirus COVID-19.

A acción voluntaria estará coordinada pola Oficina Muncipal de Voluntariado dependente da área de goberno de Participación Cidadá, co obxecto de poder xestionar a resposta solidaria dun xeito coordinado co resto dos departamentos municipais, nomeadamente, Benestar Social, Seguridade Cidadá e Protección civil.

O Concello de Vigo está a contactar coas distintas entidades sociais activas para coñecer as súas demandas actuais e previsión de necesidades a corto e medio prazo.

As entidades poden dirixir as súas peticións, desde hoxe mesmo, directamente por mail á dirección: ofi.voluntariado@vigo.org, co obxecto de poder xestionar a resposta solidaria dun xeito coordinado co resto dos departamentos municipais.

Unha vez coñecidas as principais necesidades manifestadas polas entidades e polos distintos servizos municipais do concello, a Oficina de Voluntariado conectará as persoas que se ofrecen coma voluntarias coas distintas entidades sociais da cidade e, organizará, de ser necesario, aquelas tarefas voluntarias que así o requiran.

Para garantir a saúde da cidadanía, as persoas voluntarias que sufran patoloxías previas ou que estean enmarcadas nos colectivos de risco que queiran participar nesta inicitiva, unicamente poderán desenvolver tarefas de atención telefónica continuada para acompañamento e detección inmediata de necesidades.

Poden apuntarse as persoas maiores de idade a través do formulario vigo.org/voluntarios-covid19