Escudo Concello de Vigo

Actualidade

Exposición AS MIRADAS DE ISAAC

«As miradas de Isaac», un proxecto expositivo con que se procura difundir a figura de Isaac Díaz Pardo para pór en valor o seu legado e achegas á cultura galega, sendo o impulsor da recuperación da fábrica de cerámica de Sargadelos, do Laboratorio de formas, do Seminario de Estudios Galegos, do Instituto Galego da Información, de Ediciós do Castro ou do Museo Galego de Arte Contemporánea Carlos Maside, entre outros moitos proxectos relevantes.

A exposición conta cunhas 500 pezas entre obras de arte, murais, cerámicas, carteis, publicacións e obxectos persoais coa pretensión de reflectir a inesgotable creatividade de Díaz Pardo, un personaxe imprescindible da cultura galega do século pasado. A mostra mantén a estrutura en dez seccións, a través das que afonda en todo o seu periplo vital e profesional. Así na mostra quedará reflectida a importancia do pai –Camilo Díaz Baliño– no desenvolvemento da súa personalidade; a infancia e xuventude en Compostela; e a faceta de pintor, que deixou unha fonda pegada en todas as súas realizacións. 

Do mesmo xeito, a mostra tamén se centra no contacto de Díaz Pardo co exilio e o seu compromiso pola recuperación da memoria histórica; o labor como escritor; as iniciativas empresariais, con Sargadelos como insignia; e as iniciativas culturais e investigadoras, entre as que cabe destacar o Laboratorio de Formas ou o Instituto Galego de Información. O relato expositivo non esquece o deseñador industrial que proxectou máquinas, porcelanas, mobles ou Ediciós do Castro; o editor imparable; e finalmente enxalza o recuperador –con Luís Seoane– da vangarda artística galega anterior á Guerra Civil, coa posta en marcha do Museo Galego de Arte Contemporánea Carlos Maside.

A exposición tamén incorpora como elemento vertebrador a videoinstalación realizada pola neta de Isaac Díaz Pardo, a fotógrafa e xornalista cultural Cecilia Díaz Betz. Esta peza audiovisual, realizada en colaboración co realizador Jordi Cussó, está creada a partir de materiais de arquivo, en que se propón un encontro co intelectual e artista, sendo el mesmo quen nos relata en primeira persoa a súa vida e obra. Unha forma radicalmente diferente de reivindicar e lembrar a súa figura, máis acorde coa súa propia visión vangardista, e coa que se procura revivir o seu universo e o seu espírito sempre aberto, tanxencial e polifacético.

VISITAS GUIADAS
Para público xeral

20 OUT | 19.00 h

24 NOV | 19.00 h

Previa inscrición aquí!

Cando:

Do 23 de Setembro ata o 27 de Novembro de 2021

Lugar:

Centro Afundación (Obra social Abanca)

  • RUA POLICARPO SANZ 24

Horario:

Luns a sábados 17.30 a 20.30 h

Prezo:

Gratuíta

Galería de fotos

Desde o 23/09/2021

Ata o 27/11/2021

Centro Afundación (Obra social Abanca)

RUA POLICARPO SANZ 24

Teléfono: 986120078

Web: https://www.afundacion.org

 

Concello de Vigo

Praza do Rei 1 - 36202 - Vigo (Pontevedra)

Teléfono Concello de Vigo: 010 - 986810100