Escudo Concello de Vigo

Actualidade

Exposición ANNA TURBAU. Galicia 1975-1979. A intimidade da imaxe.

Dende o venres, 17 de setembro, a planta baixa da Casa das Artes (Policarpo Sanz, 15) acolle a exposición "Anna Turbau. Galicia 1975-1979. A intimidade da imaxe", promovida polo Consello da Cultura Galega e comisariada por Margarita Ledo Andión, coa colaboración do Concello de Vigo.

"A intimidade da imaxe" articúlase a través de diferentes itinerarios cuxa marca é a cor, o tamaño das fotos xunto á súa disposición ou o espazo articulado por dúas cabeceiras, no artesoado e na capela, esta última para a escolma de fotografías presentadas como un mural, da produción do ano 1993 Santiago, pequena historia natural, e desenvolve unha proposta discursiva cuxas ancoraxes son as nove seccións que a compoñen.

Anna Turbau estudou deseño gráfico en Barcelona, na escola Massana (Centre d’Art i Disseny) e na Elisava (Escola Universitària de Disseny i Enginyeria de Barcelona). Cando en 1975 realiza unha serie de fotografías na Ciutat Vella de Barcelona, atópase cunha cidade marxinal e oculta. Esta será unha experiencia decisiva na súa escolla da fotografía como medio expresivo e na súa procura de visibilizar o invisible. Nese mesmo verán, Anna Turbau chega por primeira vez a Galiza. Pasa dúas semanas no poboado xitano do Vao, en Pontevedra, onde se achega a unha cultura e un modo de vida que a fascinan e que máis tarde retomará. Dese ano é a súa primeira viaxe aos Ancares, un espazo ao que regresará máis tarde. En 1976 instálase en Santiago de Compostela como correspondente de revistas, entre as que se contan Interviú ou Primera Plana, para exercer como fotoxornalista nun contexto maiormente masculino e no que destacou cun traballo moi persoal, respectuoso e incisivo. O seu ollar vai reparar nos rostros reivindicativos dun pobo que se resiste a esmorecer tras as presións políticas e económicas que seguiron a anos de ditadura. Anna Turbau mergúllase nas masas contestatarias, nas mobilizacións contra as obras da autoestrada do Atlántico, nas manifestacións pola situación das empresas navais, nos debates sobre a autonomía e as vontades nacionalistas. Así mesmo, documenta o traballo das mariscadoras, realiza reportaxes sociais e documentais no mundo rural e testemuña a dureza da vida nun manicomio como o Hospital Psiquiátrico de Conxo (Santiago de Compostela, 1977). En definitiva, fálanos cómplice da intrahistoria deses anos da transición da ditadura á democracia. A presión policial obrigouna a marchar de Galiza en 1979. Regresa a unha Barcelona onde lle é moi difícil encaixar e seguir traballando no fotoxornalismo. Forma parte da revista Actual e en 1984 comeza a traballar na realización televisiva, eido en que se especializou en programación educativa e cultural. Foi profesora de fotoxornalismo na Escola Internacional de Fotografia Grisart de Barcelona. Na actualidade vive entre Calatañazor (Soria) e Barcelona, e continúa a traballar en series fotográficas como Mujer y silencio (2009) e na súa última obra: a documentación fotográfica da exhumación dos fusilados de guerra en Calatañazor (2017).

A mostra permanecerá aberta ao público até o 7 de novembro.

Cando:

Do 17 de Setembro ata o 7 de Novembro de 2021

Lugar:

Casa das Artes

  • Rúa de Policarpo Sanz 15

Horario:

  • De luns a venres de 18 a 21h
  • Sábados: de 12-14h e de 18-21h
  • Domingos e festivos: 12-14h

Prezo:

Entrada gratuíta

Galería de fotos

Desde o 17/09/2021

Ata o 07/11/2021

Casa das Artes

Rúa de Policarpo Sanz 15

Teléfono: 986439525

 

Concello de Vigo

Praza do Rei 1 - 36202 - Vigo (Pontevedra)

Teléfono Concello de Vigo: 010 - 986810100