Actualidade

EMAO: Exposición "A música na EMAO"

Dentro da programación anual da EMAO prevese, ao remate de cada curso académico, a produción dunha exposición cos resultados dun proxecto que, partindo dunha idea xeradora única, dea lugar a interpretación, despregue do traballo e saber facer dos distintos talleres.

Neste ano 2024, a escola e as súas especialidades renderán homenaxe á música, manifestación artística cunha presencia destacada entre as súas paredes. Dende a década dos anos oitenta, a EMAO acolleu entre as súas senlleiras pedras un importante patrimonio musical. Nesa década e nas seguintes agromaron iniciativas que deixaron un pouso profundo na escola e na cidade: dende a Aula de Música Moderna e Electrónica, con Bibiano Morón (da que saíron numerosos grupos e músicos con traxectorias destacadas), pasando polo Obradoiro de Instrumentos Musicais Populares Galegos, con Antón Corral (xérmolo da actual especialidade de CAIM -Construción Artesanal de Instrumentos Musicais-, unha das maiores e máis salientables singularidades desta institución e orixe da actividade profesional de numeroso alumnado, como luthiers e artesáns), ata a creación do Conservatorio de Música Tradicional, con Rodrigo Romaní, orixe da actual Escola municipal de música folk e tradicional (E-TRAD), como evolución da anterior e que xerou a aparición dun bo feixe de músicos e grupos de nivel internacional, nos que destaca actualmente, entre outros, a Orquestra Folk de Galicia, SondeSeu.

Moitos son xa, pois, os artesáns e músicos que iniciaron a súa vida profesional entre estes muros, confirmando que a actividade musical, en sentido amplo, ademais de achegar unha mellora na vida das persoas, configura un importante sector de actividade económica e emprego, polo que paga a pena apostar.

Nesta homenaxe, a exposición permitirá ver dende o eclecticismo da creación artística de cada unha das especialidades non relacionadas directamente coa música, ata os instrumentos construídos polo alumnado das especialidades de CAIM.

Esta exposición estará aberta entre os días 24 de xuño e o 25 de outubro de 2024 (pechada o mes de agosto).


FICHA DA EXPOSICIÓN

Nome: "A música na EMAO"

Lugar: Espazo EMAO (Sala de exposicións da Escola Municipal de Artes e Oficios de Vigo). Entrada polas rúas Pontevedra e Rosalía de Castro

Datas: do 24 de xuño ao 25 de outubro de 2024 (agosto pechado)

Horario:
  - Do 24 de xuño ao 28 de xuño: de luns a venres, laborables, de 19:00h a 21:00h
  - Do 1 de xullo ao 13 de setembro (agosto pechado): de luns a venres, laborables, de 10:30h a 13:30h
  - Do 16 de setembro ao 25 de outubro: de luns a venres, laborables, de 19:00h a 21:00h

Comisariado: Carlos Corral, mestre de Construción Artesanal de Instrumentos Musicais -CAIM- Gaita e Rosa García, mestra de Talla e escultura en madeira, coa colaboración do profesorado de Debuxo, Pintura, Serigrafía artística, Moda e confección, Ourivería, Artesanía en coiro, Deseño e encaixe de palillos e CAIM Zanfona.

Cartaz: Federico Fernández Alonso

Produción e montaxe: Escola Municipal de Artes e Oficios de Vigo, 2024

Axudante de montaxe: Eduardo Sánchez Arteaga
 

Cando:

Do 24 de Xuño ata o 25 de Outubro de 2024

Lugar:

Biblioteca da Escola Municipal de Artes e Oficios (EMAO)

  • AVDA GARCIA BARBON 5

Horario:

Inauguración o 24 de xuño ás 19.00 h.

Do 24 ao 28 de xuño: de luns a venres, laborables, de 19:00h a 21:00h
Do 1 de xullo ao 13 de setembro (agosto pechado): de luns a venres, laborables, de 10:30h a 13:30h
Do 16 de setembro ao 25 de outubro: de luns a venres, laborables, de 19:00h a 21:00h

Prezo:

Entrada gratuíta

Galería de fotos

cartel

Desde o 24/06/2024

Ata o 25/10/2024

Biblioteca da Escola Municipal de Artes e Oficios (EMAO)

AVDA GARCIA BARBON 5

Teléfono: 986228088

Web: http://bibliotecadaemao.blogspot.com/

 

Concello de Vigo

Praza do Rei - 36202 - Vigo (Pontevedra) - Teléfono: 010 - 986810100