Actualidade

Exposición "Disto hai vinte anos. A escultora Encarna Penelas en retrospectiva"

O venres, día 15 de decembro, ás 20:00 h, ten lugar a inauguración da exposición "Hai vinte anos disto. A escultora Encarna Penelas en retrospectiva", na Casa Galega da Cultura (Praza da Princesa, 1).

Esta exposición quere servir de recoñecemento á escultora e pintora de noventa anos, viguesa de adopción, Encarna Penelas. Moi coñecida e activa nas décadas finais do século XX, a artista hai vinte anos que deixou de crear, de xeito que esta é a súa primeira exposición en todo este tempo.

Reúnense na pequena retrospectiva cerca de cincuenta obras producidas na súa época, maiormente escultura en madeira, mármore ou bronce que amosan o seu gran enxeño creativo e o excelente dominio técnico da materia coa que traballa devagar, con agarimo, logrando liñas moi depuradas e brillantes xogos de textura.

Amiga do pintor Laxeiro, que retratouna en tres ocasións, e que a consideraba gran escultora, Encarna Penelas debutou na arte, pasados os corenta anos. Primeiro como alumna da EMAO onde aprendeu talla en madeira co gran mestre Camilo Nogueira; logo dentro do colectivo Abracadabra con quen fixo a súa primeira exposición, en xaneiro de 1978; despois xa pola súa conta como artista autodidacta como sempre se definiu.

Os anos 80 e 90 foron intensos con moitas e grandes exposicións tanto en Galicia como en Madrid onde participou, por exemplo, na feira ARCO de 1985. E fora do país nas de Montreal ou Basilea.

Encarna deixa os ciceis e as gubias nos anos finais do milenio pasado. Quedan con todo estas as súas magníficas obras para dar testemuño do seu gran talento creativo.

A exposición permanecerá aberta ao público até o 31 de marzo.
 

Cando:

Do 15 de Decembro ata o 31 de Marzo de 2024

Lugar:

Casa Galega da Cultura

  • Rúa da Princesa 2

Horario:

De luns a venres de 18.00 a 21.00 h.

Sábados de 12.00 a 14.00 e de 18.00 a 21.00 h.

Domingos e festivos de 12.00 a 14.00 h.

Pechado os días 25 de decembro de 2023 e 1 e 6 de xaneiro de 2024

Máis información:

Galería de fotos

cartel1

Desde o 15/12/2023

Ata o 31/03/2024

Casa Galega da Cultura

Rúa da Princesa 2

Teléfono: 986226459

 

Concello de Vigo

Praza do Rei - 36202 - Vigo (Pontevedra) - Teléfono: 010 - 986810100