Actualidade

Exposición "Conexións surrealistas" Casa das Artes

A Casa das Artes acolle na planta primeira dende o luns, 2 de outubro, a exposición "Conexións surrealistas. Colmeiro, Granell e o surrealismo non exilio", organizada pola Asociación Amigos do Pintor Colmeiro co finaciamento do Concello de Vigo.

Comisariado por Carlos Bernárdez, o proxecto  pretende unha lectura do impacto do movemento surrealista na obra do pintor Manuel Colmeiro nas décadas dos trinta e corenta e mostrar os puntos de conexión coa obra de Eugenio Granell, pintor da mesma xeración e figura de referencia do surrealismo desde os anos corenta, ambos con traxectorias vitais marcadas polo exilio e pola súa presenza en América Latina.

Entre as obras de Colmeiro destaca a serie de cabezas de afogados que foron elaboradas nunha linguaxe cos ecos surreais, que o artista xa ensaiara en obras de comezos da década dos trinta, e que será ben común na arte de guerra no bando republicano, nestas obras renova, adaptadas á nova situación, a ligazón entre o mundo intelectual republicano e galeguista e o mundo popular, representado agora nas figuras das vítimas da guerra.

En Granell, como en Colmeiro, tamén aparecen nos anos corenta cabezas exentas, velaí o seu Autorretrato (1944), dun estilo figurativo que salienta a cabeza en primeiro plano e un
fondo con decoración amébica que se combina co onírismo da figura. Nesta liña do retrato surrealista, entendido como proxección dos desexos e ao tempo como reflexo/desdobramento
do eu, Granell realiza obras como Autorretrato de indio (1945) en que as referencias formais a Picasso son evidentes mais interpretadas cunha sólida ligazón ao mundo indíxena, que se
manifesta nos trazos físicos e nos pormenores étnicos.

A mostra permanecerá aberta ao público até o 14 de xaneiro.

Cando:

Do 2 de Outubro ata o 14 de Xaneiro de 2024

Lugar:

Casa das Artes

  • Rúa de Policarpo Sanz 15

Horario:

Luns a venres de 18:00 a 21:00 h.

Sábados de 12:00 a 14:00 e de 18:00 a 21:00 h.

Domingos e festivos de 12:00 a 14:00 h.

Máis información:

Galería de fotos

Desde o 02/10/2023

Ata o 14/01/2024

Casa das Artes

Rúa de Policarpo Sanz 15

Teléfono: 986439525

 

Concello de Vigo

Praza do Rei - 36202 - Vigo (Pontevedra) - Teléfono: 010 - 986810100