Actualidade
A exposición plantéxase como a gran mostra deste fotógrafo vigués que percorrerá en profundidade boa parte das series fotográficas que este autor realizou ao longo de máis de 25 anos de carreira fotográfica e que nunca se mostraron na súa totalidade. Unha Xeografía Atormentada abarca as diferentes temáticas realizadas en contornas de conflito interpretadas pola mirada particular deste autor. Trátase dunha revisión reflexiva sobre o traballo que levou a cabo durante tantos anos como fotógrafo independente en guerras e desastres naturais.
O conxunto desta mostra é o resultado dun proceso de selección entre miles de fotografías levado a cabo en colaboración entre Javier Teniente e o comisario Jorge Lens. A exposición propón unha lectura da obra de Javier Teniente que traspasa o concepto de documento informativo para fixarse especialmente na faceta máis humanista e comprometida do fotógrafo. A selección proposta, formada por 180 fotografías, non esconde algunhas imaxes explícitas pero pon o acento na esperanza do cambio e no futuro como escenario para a reconstrución das vidas humanas e da recuperación da natureza.
Javier Teniente, nado en Vigo en 1968, comezou a súa traxectoria fotográfica nun diario local, pero pronto se lanzou a percorrer o mundo para dar testemuño de toda unha serie de acontecementos extremos. As súas fotografías foron publicadas no País Semanal, Geo, Interviú, Magazine do xornal La Vanguardia, El Mundo e Tiempo, entre outras publicacións de alcance nacional e internacional.
Foi colaborador de Naciones Unidas e de numerosas organizacións internacionais, como Médicos sin Fronteras e Acción contra el Hambre e outras. Coa ONG Médicos del Mundo desenvolveu traballos de sensibilización que posteriormente deron lugar ao libro Emerxencias Humanitarias e a unha exposición que percorreu as cidades de Londres, París, Atenas, Roma e Madrid, entre outras.
As súas reportaxes en diferentes lugares do mundo centráronse nos procesos de conflito e os desastres naturais. Cabe destacar as reportaxes realizadas en Centroamérica (o furacán Mitch, de 1998, Haití 2004), a crise de Kósovo (1999), Timor (1999), Iraq (2003), e a cobertura do desastre provocado polo Tsunami en Indonesia (2005).
Cando:
Do 17 de Xuño ata o 5 de Setembro de 2021
Lugar:
Casa das Artes
Horario:
Prezo:
Entrada gratuíta
Máis información:
Rúa de Policarpo Sanz 15
Teléfono: 986439525
Concello de Vigo
Praza do Rei - 36202 - Vigo (Pontevedra) - Teléfono: 010 - 986810100