Escudo Concello de Vigo
Exencións e Bonificacións

Oficina tributaria

Exencións e Bonificacións

Lista de trámites

Bonificación do 3% mediante alta no sistema especial de pago do Imposto sobre Bens Inmobles (IBI)

Co obxecto de facilitar aos contribuíntes o cumprimento das súas obrigacións tributarias, así como incentivar a domiciliación bancaria como medio de pago máis idóneo, os suxeitos pasivos do Imposto sobre Bens Inmobles que o desexen xa poden solicitar a aplicación do sistema especial de pago para facer efectivas as cotas polo citado Imposto que, ademais do fraccionamiento da débeda en dous prazos, sen recarga ou interese algún, permitirá o goce dunha bonificación do 3% na cota do citado Imposto.

O primeiro prazo, que será equivalente ao 50 por cento da cota líquida do recibo do Imposto sobre Bens Inmobles correspondente ao exercicio en curso, farase efectivo o 31 de maio do ano en curso mediante a oportuna domiciliación bancaria.

O importe do segundo prazo pasarase ao cobro á conta corrente indicada polo interesado o último día do período de pago do imposto, e estará constituído pola diferenza entre a contía do recibo correspondente ao exercicio e a cantidade abonada no primeiro prazo, deducindo, á súa vez, o importe da bonificación regulada no presente artigo.

Bonificación do 30% na cota do Imposto de Actividades Económicas (IAE)

Aqueles que inicien o exercicio de calquera actividade empresarial a partir do 1 de xaneiro do ano 2003, e tributen por cota municipal, gozarán trala exención regulada no artigo 5.1.b) da Ordenanza reguladora deste imposto (exención durante os dous primeiros períodos impositivos da actividade a partir do 1 de xaneiro de 2003) , durante os cinco exercicios seguintes dunha bonificación na cota do 30%.

Esta beneficio non será de aplicación no caso de que fose procedente a bonificación regulada no apartado 1) do artigo 5 da Ordenanza.

Bonificación do 5% na Taxa de Lixo Industrial, Comercial e Profesional (EUI)

Bonificación do 5% para os establecementos comprendidos nos apartados B, C, D e E da Ordenanza Fiscal Reguladora das Taxas pola Recollida do Lixo (Ordenanza Nº 16), que acrediten que contan con espacio interior destinado aos contenedores de lixo.

Bonificación do 50% do Imposto de Bens Inmobles (IBI) para Vivendas de Protección Oficial

Terán dereito a unha bonificación do 50% na cota íntegra do imposto, durante os tres períodos impositivos seguintes ao do outorgamento da calificación definitiva, as vivendas de protección oficial e as que resulten equiparables a estas conforme á normativa da Comunidade Autónoma. Dita bonificación concederase a petición do interesado e poderá efectuarse en calquera momento anterior á terminación dos tres períodos impositivos de duración da mesma e surtirá efectos, no seu caso, dende o período impositivo seguinte aquel en que se solicite.

Unha vez esgotada a bonificación do 50%, estas vivendas gozarán durante tres exercicios máis dunha bonificación do 25% da cota íntegra.

Bonificación do 50% no Imposto de Bens Inmobles (IBI) - Sistemas de aproveitamento de enerxía solar

Gozarán dunha bonificación do 50% na cota íntegra do imposto os inmobles de uso residencial durante os tres períodos impositivos seguintes á finalización de instalacións de sistemas de aproveitamento de enerxía solar.

Bonificación do 75% do Imposto sobre Vehículos de Tracción Mecánica (IVTM)

Liberación da obriga de pago do 75% da cota do imposto sobre vehículos de tracción mecánica.

Bonificación do 90% do Imposto de Bens Inmobles (IBI) para Empresas de Urbanización, Construción e Promoción Inmobiliaria

Terán dereito a unha bonificación do 90% na cota íntegra do Imposto de Bens Inmobles, sempre que así se solicite polos interesados antes do inicio das obras, os inmobles que constitúan o obxecto da actividade das empresas de urbanización, construción e promoción inmobiliaria tanto de obra nova como de rehabilitación equiparable a esta, e non figuren entre os bens do seu inmobilizado.

Bonificación do 90% ou 50% do Imposto de Bens Inmobles (IBI) - Familia numerosa

Terán dereito a unha bonificación do 90% ou 50% da cota íntegra do imposto os suxeitos pasivos –pai, nai ou titor- titulares de familia numerosa, relativa á vivenda que constitúa a residencia habitual da familia.

Exención da Taxa de Recollida de Lixo de Vivendas

Trámite para quedar exento do pago da taxa por recollida de residuos sólidos urbanos no termo municipal de Vigo, o seu transporte aos centros de eliminación e posterior tratamento.

Exención das Taxas pola Prestación dos Servizos de Control de Pragas, Desinfección, etc.

Trámite para quedar exento do pago das taxas pola prestación dos servizos de sanidade preventiva, desinfección, desinsectación, desratización e destrucción de calquera clase de materias e productos contaminantes ou propagadores de xermes nocivos para a saúde pública prestados a domicilio ou por encargo.

Exención do Imposto de Bens Inmobles (IBI) para Bens Comunais e os Montes Veciñais en Man Común

Os Bens Comunais e os Montes Veciñais en Man Común están exentos do pago do imposto de bens inmobles.

Son bens comunais ou procomún aqueles cuxa propiedade está atribuída a un conxunto de persoas en razón do lugar onde habitan e que teñen un réxime especial de enaxenación e explotación.

Montes en man común son montes de natureza especial que, con independencia da súa orixe, pertenzan a agrupacións veciñais na súa calidade de grupos sociais e non como entidades administrativas e veñan aproveitándose consuetudinariamente en man común polos membros daquelas na súa condición de veciños.

Exención do Imposto de Bens Inmobles (IBI) para Centros Docentes

Estarán exentos os bens que se destinen ao ensino por centros docentes acollidos, total ou parciamente, ao réxime de concerto educativo, en canto á superficie afectada ao ensino concertado.

Exención do Imposto de Bens Inmobles (IBI) para Entidades sen Fins Lucrativos

As entidades que cumpran o establecido o artigo 3 da Lei 49/2002, de 23 de decembro, de Réxime Fiscal das Entidades sen fins lucrativos e dos incentivos fiscais ao mecenado están exentas do pago do Imposto de Bens Inmobles.

Exención do Imposto de Bens Inmobles (IBI) para os Bens Declarados Históricos de Interese Cultural

Estarán exentos do Imposto sobre Bens Inmobles os inmobles declarados expresa e individualizadamente monumentos ou xardíns históricos de interese cultural, mediante Real Decreto na forma establecida polo artigo 9 da Lei 16/1985, de 25 de xuño de Patrimonio Histórico Español, e inscritos no Rexistro Xeral ao que se refire o seu artigo 12 como integrantes do Patrimonio Histórico Español, así como os comprendidos nas disposicións adicionais primeira, segunda e quinta de dita Lei.

Esta exención non alcanzará a calquera clase de bens urbanos dentro do perímetro delimitativo das zonas arqueolóxicas e sitios e conxuntos históricos, globalmente integrados neles, senón, exclusivamente, aos que reúnan as seguintes condicións:

- En zonas arqueolóxicas, os incluídos como obxecto de especial protección no instrumento de planeamento urbanístico a que se refire o artigo 20 da Lei 16/1985, de 25 de xuño de Patrimonio Histórico Español.

- En sitios ou conxuntos históricos, os que conten cunha antigüidade igual ou superior a cincuenta anos, e estean incluídos no catálogo previsto no Real Decreto 2159/1978 de 23 de xuño polo que se aproba o Regulamento de Planeamento para o desenvolvemento e aplicación da Lei sobre Réxime do Solo e Ordenación Urbana, como obxecto de protección integral nos termos previstos no artigo 21 da Lei 16/1985, de 25 de xuño.

Exención do Imposto sobre Bens Inmobles (IBI) para a Igrexa Católica e Asociacións Confesionais Non Católicas

Os inmobles da Igrexa Católica, nos termos previstos no Acordo entre o Estado Español e a Santa Sede sobre asuntos económicos, de 3 de xaneiro de 1979, e os das Asociacións Confesionais Non Católicas legalmente recoñecidas, nos termos establecidos nos respectivos acordos de cooperación subscritos en virtude do disposto no artigo 16 da Constitución, estarán exentos do Imposto sobre Bens Inmobles.

Exención do Imposto sobre Incremento do Valor de Terreos de Natureza Urbana (Plusvalía)

Estarán exentos deste imposto os incrementos de valor que se manifesten como consecuencia das transmisións de bens que se atopen dentro do perímetro delimitado como Conxunto Histórico Artístico, ou teñan sido declarados individualmente de interese cultural, segundo o establecido na Lei 16/1985 de 25 de xuño do Patrimonio Histórico Español cando os seus propietarios ou titulares de dereitos reais acrediten que teñen realizado ao seu cargo obras de conservación, mellora ou rehabilitación de ditos inmobles nos cinco anos inmediatamente anteriores ao devengo do imposto.

Exención do Prezo Público nas Escolas Municipais de Música e Artes Escénicas

Trámite para quedar exento do pago da matrícula e mensualidades pola prestación do servizo das Escolas Municipais de música e artes escénicas.

Exención do imposto sobre vehículos de tracción mecánica (IVTM) para vehículos matriculados a nome de persoas con discapacidade

Liberación da obriga de pago do 100% da cota do imposto.

Aplicación:

1. A exención non resultará aplicable ós suxeitos pasivos beneficiarios das mesmas por máis dun vehículo simultáneamente.

2. A xestión, liquidación, inspección e recadación deste imposto corresponde ao Concello de Vigo sempre que o domicilio que conste no permiso de circulación do vehículo pertenza ao termo municipal.

Período de vixencia:

1. As exencións por certificado do INSS deben renovarse anualmente.

2. As exencións por certificado da Xunta de Galicia caducarán na primeira das seguintes datas:

a) Data fin da discapacidade.

b) Fin de vixencia do permiso de condución.

Salvo oposición expresa, unha vez concedida unha exención para un vehículo, a renovación realizarase de xeito automático previa consulta de datos de discapacidade ou validez do permiso de condución. Se tras a consulta de datos, non se cumpren as condicións esixidas, darase por finalizado este beneficio fiscal.

 
 

Concello de Vigo

Praza do Rei 1 - 36202 - Vigo (Pontevedra)

Teléfono Concello de Vigo: 010 - 986810100