Cronista oficial de Vigo

Crónica do acontecido na cidade de Vigo en 2018

Ceferino de Blas - Cronista Oficial da Cidade de Vigo


Paixón polas luces

Os vigueses sempre foron uns apaixonados da luz. Por iso entusiasmáronse cando chegou a electricidade.

Aínda que resulte anecdótico, non deixa de ser histórico. O 28 de maio de 1880, Antonio López de Neira, futuro alcalde da cidade, probou na súa casa da rúa do Príncipe o aparato de luz eléctrica que adquirira en París. O seu acendido produciu unha forte impresión entre as persoas que inesperadamente se viron inundadas por a claridade.

Días despois iluminou a imaxe do Cristo da Vitoria durante a multitudinaria procesión, ao paso por Príncipe.

Foi a primeira vez que a veciñanza percibiu a luz eléctrica, que non se instalará na cidade ata doce anos máis tarde.

Ese asombro pola luz non volverán a experimentalo os vigueses ata que a iluminación de Nadal desbordou a cidade, no último trienio.

O remate produciuse no ano que termina, no que se converteu na urbe máis iluminada do país, en competencia coas primeiras do mundo.

Aínda que pareza incrible, a iluminación do Nadal foi a principal noticia do ano, e transcendeu tanto que fixo de Vigo un lugar de peregrinación. Foron decenas de miles de forasteiros os que quixeron contemplar as luces, de todos os recunchos de España, e de Portugal.

A alcaldía xa explorara a mellora das iluminacións de Nadal en anos precedentes, pero foi no último trienio no que acometeu o propósito de situarse como líder entre as cidades españolas. E conseguiuno, superándose cada ano. En magnitude, coa árbore e o globo, que abren e pechan a rúa do Príncipe, en extensión, ao levar os relevos artísticos por todos os barrios, e en elegancia, pola estética do conxunto.

Compúxose unha gran sinfonía, na que todas as pezas encaixan. Apréciase na variedade das luces, cuxos motivos son dunha gran beleza, que acompaña ao espírito de nadal, coa música, respectando a tradición, e o belén.

O belén napolitano, confeccionado por artesáns belenistas zamoranos, que luciu na Casa das Artes, é sen dubida dos máis fermosos e elegantes que se instalaron nas cidades españolas.

Fronte á chocallada, os vangardismos improcedentes ou a frivolidade coa que tratan o Nadal nalgunhas poboacións, Vigo decantouse por respectar a tradición sen ofender con confesionalismos improcedentes aos agnósticos nin aos cidadáns que non son crentes.

Formulouse a representación de Nadal cunha grande ecuanimidade, dende o respecto ás tradicións, e a posición dun estado aconfesional.

As luces, neste contexto, tiveron unhas consecuencias extraordinarias.

A presencia da marca Vigo nos medios, no mes de decembro, foi impresionante. Ata o punto de que foi presentada como exemplo por cidades como Oviedo, onde os comerciantes se rebelaron contra o Concello pola anódina iluminación. "Nas fins de semana a xente ía a Vigo, que estaba precioso", aducían.

O caso do cruceiro, cuxos pasaxeiros pediron que non levase áncoras ata a noite, para poder contemplar a iluminación, transcendeu fronteiras. Nunca ocorrera en ningún outro sitio.

Por iso a iluminación de Nadal foi o gran acontecemento do ano, que minimizou a todos os demais.

Non en vano as luces estiveron identificadas coa ilustración e co progreso, e por iso se chamou Século das Luces ao XVIII, o dos inventos que transformaron o mundo.

En Vigo foi o ano das Luces, con maiúscula.

É unha das grandes apostas persoais da Alcaldía, e acertou, para fortuna da cidade, que atraeu a multitude de persoas, que encheron os hoteis e cafeterías e incrementaron as vendas nos comercios. E tamén nos arredores, en Cangas e outras poboacións da ría.

Vigo comprometeuse co Nadal, como unha das épocas máis importantes do calendario, e está obrigado a mellorar cada ano para non verse superado por outras poboacións.

Xa está fixada a data do acendido para o próximo: o 23 de novembro de 2019.

 

O proxecto Mayne

Un proxecto que acerca a Vigo á modernidade, o das comunicacións ferroviarias, botou a andar nun solemne acto no mes de novembro.

É a proposta do arquitecto norteamericano, Tom Mayne, premio Pritzker, é dicir, un dos mellores profesionais do mundo, que inclúe a estación ferroviaria e un gran complexo comercial, de ocio e comunicacións. Coñécese por centro Vialia.

Se os ilustrados vigueses de mediados do século XIX cifraron na chegada do ferrocarril a entrada da cidade na modernidade, os desta hora ven no AVE un salto cualitativo nas comunicacións, cuxa mellora sempre foi un obxectivo irrenunciable de urbe "ultraperiférica", que quere competir coas demais en igualdade de condicións.

O final do proxecto, previsto para 2020, significará a construción dun complexo emblemático, nun barrio avellentado como o de Casablanca.

A estación será a terceira da cidade en orde cronolóxica, tras a primeira, que se construíu en 1876 para o tramo pioneiro do ferrocarril de Vigo con Guillarei; a segunda, de 1988, a menos duradeira; e a actual, deseñada para o acceso dos trens de alta velocidade por vías subterráneas.

O soterramento permitiu recuperar o espazo das antigas vías en superficie, que tanto perturbaban nos accesos dos convois, como sendas peonís e zona de paseo e recreo.

O complexo inclúe a nova terminal de autobuses. Terá 15 dársenas, e acceso directo dende a autoestrada AP-9 e a praza da estación. Tamén incorpora un paso subterráneo dende a autoestrada A-9.

 

As Cíes, a grande atracción

Cada ano que pasa o arquipélago das Cíes consolídase como a gran cita estival do Noroeste. Canto visitante chega a Galicia aspira a ir ás illas, aínda que só sexa a pasar unhas horas. Pero son cada vez máis os que queren facer noite e sentir a mañá, como a que describe Cunqueiro dun día de finais de verán, na illa Sur, nos anos cincuenta.

"Amence vivamente, alegro no ceo, no vento, no mar. Vimos como Deus fai a mañá, despois de oírlle á noite como refai o mar… Veñen os coruxos outra vez, matutinas gaivotas; a soidade foxe, o mar faise máis breve…" (FV, 11-9-55)

Mentres medra o desexo de cada vez máis xente de todos os países polas Cíes, séntanse as bases para que a Unesco as proclame Patrimonio Mundial da Humanidade.

Ao longo do ano organizáronse numerosos actos e un ciclo de conferencias, que analizaron o arquipélago en todas as súas vertentes: da historia ao turismo.

As Cíes son un arcano que esconde un mundo incrible, que nunca se ha desvelar plenamente. Sempre o tutelará o misterio.

 

O Vigo panorámico

O goberno municipal segue empeñado en transformar a natureza pina da cidade e facilitar a mobilidade. Aos elementos xa en funcionamento -ascensores e escaleiras mecánicas-, sumáronse outros este ano: na rúa Marqués de Valterra - Torrecedeira, na praza de Portugal e en Pizarro con Rivadabia.

Este é un caso sentimentalmente significativo, xa que a escaleira mecánica ven a substituír á pétrea, e de época, que deseñara Jenaro de la Fuente, nos anos vinte, para unir a rúa de Uruguai e a praza de Portugal, que aseñora a estatua de Camoens.

A actual escaleira mecánica é funcional, e discreta, e fai un enorme servizo aos veciños que se trasladan entre os dous planos.

O elemento máis controvertido dos proxectados segue a ser a cinta transportadora que se instalará no bulevar de Gran Vía, entre Urzáiz e a Praza de España. Un proxecto de calado que require o maior tino e a máxima precisión técnica para que cumpra o obxectivo co mínimo inconveniente.

Outros proxectos en marcha son o ascensor que comunicará Torrecedeira con Pi i Margall, no parque Camilo José Cela, e o que enlace a Praza de Isabel a Católica con Pizarro.

Estas iniciativas, comprendidas no Vigo Vertical, están transformando positivamente a accesibilidade.

Xustifican con creces que fose recoñecida internacionalmente, ao quedar entre as cinco cidades finalistas do premio Access City Award, que outorga a Comisión Europea.

 

O urbanismo que agarda

Superada a crise inmobiliaria, promóvense novos proxectos, entre os que resaltan os do empresario coruñés, Manuel Jove. O primeiro é construír un novo Hotel Samil, cun investimento de máis de 23 millóns, que recuperará un dos aloxamentos clásicos do verán.

O segundo consiste en edificar un inmoble residencial de 180 apartamentos, sobre o soar da antiga nave de Cordelerías Mar, na rúa Benavente.

Este proxecto podería representar o inicio da ansiada recuperación urbanística, proxectada no seu día para a Beiramar, co traslado das naves industriais á chamada Cidade do Conxelado.

Noutro eido da transformación urbana, está o proxecto da reconversión en peonil da Praza de América, que suporá unha transformación substancial dun dos espazos recoñecibles do rueiro. É o lugar de celebración dos éxitos do Celta.

 

Os estaleiros polos seus foros

Un dos grandes sectores, que cualifica a Vigo coma cidade industrial, é o dos Estaleiros, que atravesa unha etapa de forte recuperación. Aumentou nun 85% a carga de traballo, no mellor ano dende 2009.

"Hijos de J. Barreras" ten en execución o meirande buque cruceiro que se construíu en España, de 190 metros de eslora, e "Metalships&Docks" anunciou tamén a súa incursión no segmento de cruceiros.

Estas previsións supuxeron un rebrote laboral, ata o punto de que se botan en falta traballadores cualificados. O sector do metal cifra esas necesidades en 3.000 operarios para a construción naval e outras empresas.

Vigo, en cuxa rúa asentan a maioría dos estaleiros, volve liderar este sector tan importante para a súa identidade industrial, que nunca debeu perder.

A película "Los lunes al sol", que describiu a crise dos estaleiros vigueses nos anos oitenta, non é máis que un mal recordo e unha bela creación cinematográfica.

 

Abanca e o Simeón

O volteo total, experimentado polo sector financeiro, coa desaparición do histórico Banco Pastor, tras a pertinente compra, apunta en positivo. No tocante ao banco herdeiro das antigas caixas galegas, os datos son óptimos.

A entidade mellorou o seu negocio nun 20%, pero o máis relevante para Vigo é que recuperou o antigo Banco Simeón, que en pasados anos fora adquirido pola entidade portuguesa Caixa Geral.

Na historia da banca viguesa ten relevancia sentimental esta operación, aínda que os nomes – como o Banco de Vigo, Banca Jáudenes e outros -, esvaezan e xa so figuren nos libros de historia e nos administrativos.

 

O Marisquiño

O Marisquiño – Festival de Cultura urbana e Deportes de Acción-, trouxo un verán máis a grande explosión de modernidade. Os mellores especialistas en skate, freestyle e outras modalidades competiron coas contorsións, piruetas e saltos incribles, entusiasmando a milleiros de espectadores, vigueses e foráneos, que se citaron nas Avenidas.

Un desgraciado accidente, ao ceder unha plataforma portuaria, durante un concerto, causou feridos, pero sen consecuencias tráxicas. Un novo milagre da cidade, como a definiu Celso Emilio Ferreiro.

O Marisquiño xa é parte imprescindible do verán vigués, e ha seguir na cidade. Está pendente da ubicación.

 

A autoestrada AP-9

As comunicacións terrestres, entre o Sur e o Norte de Galicia, que teñen á autoestrada AP-9 como grande arteria de mobilidade, volveron ser obxecto de protesta cidadá. Os enormes atascos nas peaxes, en días de gran tráfico, desataron a indignación das persoas usuarias, sen que a empresa concesionaria Audasa dese sinais de contrición.

Onde máis se intensificaron as protestas foi no acceso de Chapela, que se considera tramo urbano. As promesas de políticos de todos os partidos de eliminar a dita peaxe non cristalizaron. E como cada ano, aumenta o custo do tramo e o enfado dos usuarios.

Pero non deberiamos esquecer unha circunstancia que parece pasar inadvertida. A eliminación desta peaxe, que suporá un importante incremento no tráfico entre Vigo e Redondela, precisaría revisar previamente o ancho da autoestrada no tramo de Vigo a Chapela. Hai zonas tan estreitas, nas que non existe beiravía, que a súper poboación de vehículos xerará perigo de accidentes.

Volve a reclamarse con insistencia o traspaso da concesión da AP-9 á autonomía.

 

A rebelión dos médicos

Que 22 xefes dos Centros de Saúde de Vigo dimitisen dunha atacada non é consecuencia dun capricho nin dunha conxura política. Debe responder a un grave problema de persoal e de medios, como denuncian os profesionais.

Tanto que en Vigo, cidade sensible a todo o que afecta á asistencia sanitaria, saíron á rúa o xoves 27 de decembro decenas de miles de persoas para reclamar unha atención primaria "digna".

Mentres noutras cidades e provincias non se produciron rebelións contra a situación sanitaria nos Centros de Saúde, en Vigo houbo unha resposta contundente contra a precariedade en profesionais e medios.

O problema é evidente. Non poden atender a tantas decenas de pacientes como están a facer. Se noutras poboacións non se ocupan de tal número, é porque contan con máis persoal. Esa proporción debería equilibrarse en Vigo.

 

Folgas nos Xulgados

Mentres se está a construír a Cidade da Xustiza, sobre o edificio do antigo Hospital Xeral, houbo conflitividade laboral nos Xulgados. As manifestacións, os paros e as folgas, por razóns económicas e de funcionamento, que tiveron un moi alto seguimento, nas que se mesturaban xuíces e funcionarios, foron unha nota destacada no devir da cidade.

As repercusións deixáronse notar, e mesmo seguen, xa que nalgún dos Xulgados do Social, os de maior litixiosidade, están a fixar xuízos para o ano 2020.

 

O satélite Lume I

A Universidade de Vigo inscribiu novamente o seu nome na carreira espacial, tras o lanzamento, con éxito, como en ocasións anteriores, do satélite Lume I. É o cuarto que sobrevoa o espazo.

Ás portas do novo ano, dende o cosmódromo ruso Vostochni, o satélite vigués comezou a súa misión, na que da 15 voltas diarias á Terra. Pasa entre catro e seis veces pola estación de control de Vigo.

Un dos seus servizos pode ser de enorme importancia para Galicia: monitorizar en tempo real os incendios, unha das grandes pragas que padece a comunidade en épocas secas.

 

Liderado do alcalde

Dende Nuno Vázquez (1514), o primeiro alcalde coñecido de Vigo, hóuboos moi relevantes, pero o actual, Abel Caballero Álvarez, supéraos en popularidade.

Conseguiu que o seu nome, e o da cidade que preside, que leva inseparable de canto emprende, resoan constantemente nos medios. De aí que Vigo acadase uns niveis de visibilidade coma nunca ocorrera. Ese protagonismo non se debe ao cargo de presidente da Federación de Municipios, que ostenta, nin á súa adscrición política. As súas actuacións estiveron á marxe das cuestións partidarias. Son exclusivamente froito da súa iniciativa.

O alcalde foi capaz de eliminar para sempre, se algún quedase, os complexos aos vigueses. Fíxoos sentir orgullosos da condición de cidadáns dunha cidade fermosa. Pero sobre todo fainos sorrir, un don prezado sempre, e inapreciable en tempos de dificultades.

A marca Vigo escalou moitos postos e a cidade preséntase como referente e como modelo, en múltiples aspectos.

Poucas veces nos máis de catro séculos de historia da Alcaldía de Vigo houbo un liderado tan recoñecido.

 

Protagonistas

Entre as personaxes destacadas do ano figuran dous futbolistas do R. C. Celta, que coincidiron no equipo nacional de España: Iago Aspas e Brais Méndez.

Había décadas que unha parella de xogadores celestes non eran tan aplaudidos, como foron Muñoz e Painho a finais dos anos corenta.

No ámbito universitario, produciuse o relevo no reitorado, ao resultar elixido novo titular Manuel Reigosa. É o sexto reitor dende que se fundou a Universidade de Vigo. Precedérono: Luís Espada, José Antonio Rodríguez, Domingo Docampo, Alberto Gago e Salustiano Mato.

No ámbito empresarial, aparece na cabeceira do ranking, Juan Antonio Muñoz Codina, designado máximo representante para a Península Ibérica de PSA-Citroën.

Tamén se produciu o relevo na cúpula da factoría de Balaídos, ao ser nomeado novo director Ignacio Bueno, que substitúe ao francés Frederich Puech.

Por primeira vez na historia, PSA amplía a súa fabricación a outras marcas, como a xaponesa Toyota, que construirá 20.000 coches na factoría de Balaídos.

Outra promoción destacada é a do concelleiro do concello vigués, David Regades, designado Delegado da Zona Franca. A relevancia do organismo e o seu papel na economía da comarca é determinante.

 

A recuperación do órgano

No ámbito musical, destaca a recuperación do órgano da Colexiata, que foi de novo inaugurado con tres concertos.

Vigo foi unha poboación que escoitou o son do órgano dende que existe a primeira igrexa de Santa María, e que a comezos do pasado século contaba con tres instrumentos: na concatedral, na igrexa de Santiago e no teatro Fraga.

Mesmo houbo unha tradición organista viguesa, coa existencia de talleres e renomeados mestres deste instrumento. Ata o asalto de Drake, en 1589, que despoboou a cidade e rematou co órgano.

Pero Vigo sabe sobrepoñerse ás adversidades, e en 1791, o gremio de Mareantes mercou outro, ao que seguiu o actual, realizado no taller de Lope Alberdi.

Das 12.500 pesetas que custou, 3.000 pagounas o Concello, e o resto foron de subscrición popular. É a causa do profundo arraigo entre os vigueses do órgano da Colexiata.

 

O Camiño Portugués

O forte incremento das peregrinacións a Santiago ten unha variante pola cidade co Camiño Portugués. Cada vez son máis os peregrinos que se ven polas rúas, de paso cara Compostela.

Xunto cos camiños clásicos, o francés, coas súas variantes, o máis transitado por Castela – León, o do Norte, polo Cantábrico, polo "timor maurorum" e o marítimo, sempre houbo peregrinacións dende Portugal, que tocaban ou bordeaban Vigo.

Pero nunca coma este ano se viron tantos camiñantes que chegaban á cidade con enfeite de peregrinos.

Os datos oficiais avalan esta apreciación. Foron 81.562 os que cubriron este traxecto, segundo a Oficina do Peregrino do Arcebispado de Santiago. Un 22% máis que o ano anterior.

O anuncio de que se vai construír un albergue no Berbés, destinado aos camiñantes a Compostela, referenda a tradición peregrina da cidade.

Unha cuestión pendente é mellorar os trazados da vía portuguesa e, en especial, as sinalizacións.

 

Bibliografía viguesa

Foi un ano pródigo en publicacións relacionadas con Vigo. Amplíase a densa produción, que suma xa centeas, segundo recolle o traballo de J. M. González Fernández e J. A. Tizón Rodríguez, "Bibliografía básica sobre a historia de Vigo". Publícao "Glaucopis", o boletín do Instituto de Estudios Vigueses, correspondente ao ano 2018.

Entre as novidades resaltan polo seu impacto a biografía sobre "Concepción Arenal. La caminante y su sombra", de Anna Caballé e a historia da Casa de Valadares, "Del señorío al marquesado de Valladares", en dous tomos, do actual titular dese apelido, Ignacio Pérez-Blanco.

Xunto con estas obras, destacan os volumes adicados ás dúas guerras mundiais, dende a perspectiva viguesa. "Vigo, en la Segunda Guerra Mundial", escrito por José Antonio Martín Curty, e "La Primera Guerra Mundial en Vigo", de José Ramón Cabanelas, coincidindo co centenario da súa finalización.

Especificamente adicados á historia de Vigo, sobresaen o libro de Jorge Lamas "Historias de Vigo" e o percorrido histórico xeográfico pola cidade antiga, de Pedro Feijoo, "Camiñar o Vigo vello".

Co final de ano chegou o volume "O pergamiño Vindel e Martín Códax". Recolle as conferencias do ciclo que organizou a Universidade de Vigo, con ocasión da estancia do valioso documento, que custodia a biblioteca estadounidense Morgan Library, que o cedeu para a súa exposición de seis meses na cidade.

Os seus dezaoito capítulos, obra doutros tantos estudosos, supoñen un avance e afondamento no mundo codaxiano e a achega musicolóxica do pergamiño Vindel.

 

Cidade verniana

A vinculación de Julio Verne con Vigo está sobradamente documentada, e descrita pola variada literatura que existe. Dende a súa propia e xenial obra, "Vinte mil leguas de viaxe submarino", que puxo á ría viguesa no Olimpo da alta literatura, á dobre presenza do escritor na cidade, recollida nas páxinas do Faro.

Popularmente, a "escultura do polbo", nas Avenidas, fixo a súa figura tan familiar como entrañable cos xogos infantís que a rodean permanentemente.

Ese recoñecemento tivo a súa mellor expresión na grande exposición que se lle adicou no Marco, co título de "Julio Verne: os límites da imaxinación".

O escritor galo, a súa vida e os seus personaxes, son cada vez máis vigueses.

 

Os murais

Dúas actuacións están a transformar a imaxe urbana de Vigo. Unha, máis profunda, que modifica estética e funcionalmente as rúas e prazas coas súas humanizacións. Cada vez abranguen máis zonas e espazos.

Outra, máis vistosa: as grandes pinturas ao aire libre.

Os edificios con medianeiras seguiron a engalanarse con murais que amplían o museo exterior, que loce por todas as partes.

Decenas de artistas plásticos, internacionais e locais, xa deixaron a súa sinatura, ou teñen oportunidade de mostrar a súa arte aos catro ventos: embelecer a cidade, poñer cor e creatividade onde antes só había unha fea e sucia parede.

O modelo de Vigo empeza a ser imitado por outras cidades, como Pontevedra.

 

Auditorio Mar de Vigo

O Concello recuperou en outubro a titularidade do Auditorio Mar de Vigo por 35,2 millóns de euros. A adquisición liquida o acordo que mantiña coa concesionaria, Pazo de Congresos, que rexentaba as infraestruturas dende 2011, e atravesaba por serias dificultades, que ameazaban a súa subsistencia.

Con esta operación, a cidade asume como públicos uns bens que tiñan orixe privada e dótase do gran complexo cultural co que foi concibido.

 

A colección Colmeiro

A exposición, na Pinacoteca Fernández del Riego, de "A nova Colección Colmeiro", composta polos 21 óleos do artista que a familia cedeu aos fondos municipais, serviu para amosar este valioso patrimonio pictórico ao público.

A mostra, que se completaba con outros 145 debuxos do pintor, constituíu un acontecemento cultural.

Manuel Colmeiro, un dos grandes da plástica galega, estivo vinculado dende a súa mocidade á cidade, onde en 1928 realizou a súa primeira exposición nos salóns de Faro de Vigo.

O seu nome loce nunha rúa.

 

Etcétera

Como dicían os antigos latinos, "et caetera", é dicir, e todo o demais.

Evidentemente, nos doce meses transcorridos, ocorreron moitas máis cousas.

Todas as relevantes están rexistradas no día a día dos xornais e nos arquivos dos distintos medios de comunicación. A eles remitímonos.

Pero o máis destacado, e o que compendia 2018, é o que antecede: unha síntese interpretativa do acontecido ao longo do ano.

 

Vigo, 31 de decembro de 2018


Buzón de suxestións

Pode enviar súas suxestións ao correo electrónico: cronistaoficial@vigo.org

Volver ao inicio

 

Concello de Vigo

Praza do Rei - 36202 - Vigo (Pontevedra) - Teléfono: 010 - 986810100