Escudo Concello de Vigo

Laboratorio Municipal

Historia do Laboratorio

O precedente inmediato do Laboratorio Municipal de Vigo atopámolo cara a 1895 cando o Colexio Médico Farmacéutico da cidade, presidido polo Sr. Ozores, ofrecelle ao concello a posibilidade de realizar análises químicos de alimentos e bebidas destinados ao consumo.

No ano 1897 eran as xuntas municipais de sanidade e hixiene  as que  se encargaban, a través de comisións, do recoñecemento de líquidos e sólidos destinados ao consumo humano así como ao aseo e limpeza en xeral.
Pola testemuña do Dr. Colmeiro Rey coñecemos que o Laboratorio Municipal de Hixiene do CONCELLO DE VIGO inaugurouse en 1902 e foi reorganizado en 1909 para adaptarse á unha nova lexislación.De xuño de 1910 data o primeiro regulamento que establece como fin principal do laboratorio vixiar pola boa conservación e pureza de canto se refire á alimentación e á hixiene, a fin de garantir a saúde pública e a confianza xeral. No propio regulamento estipúlase destinar 2000 pesetas (12 €) do orzamento ordinario do Concello para biblioteca, reposición de aparatos, productos químicos para análises e para desinfección, combustible, etc, tendo en conta que ata ese momento o laboratorio viña funcionando co material da Escola de Arte e Oficios. O persoal, segundo o regulamento, estaría composto por un Director Xefe, un inspector médico de salubridade, e tres revisores de veterinaria: un para matadoiro, outro para mercados e un auxiliar.

En 1919 temos constancia que o laboratorio ten adscrito o pavillón de desinfección. Dez anos máis tarde, o articulo 27 do regulamento para inspección sanitaria de establecementos, edificios e vehículos de servizo público determina claramente que as operacións de desinfección e desratización corren a cargo dos parques de desinfección dos Laboratorios Municipais.

Ata 1983, atopábase no edificio da estación da ría, onde hoxe sitúase o centro comercial A Laxe. A partir desta data, trasládase ás dependencias municipais na Praza do Rei.

En 1996, a actual Área de Microbioloxía pasa a ocupar as instalacións deixadas polos Servizos Veterinarios da Xunta.