Escudo Concello de Vigo

Servizos Sociais

Persoas maiores

A Concellería de Política Social conta con diferentes programas destinados a atender as demandas e necesidades das persoas maiores co fin de contribuír a mellorar a súa calidade de vida.

  • Servizo de Axuda no Fogar
  • Programa Xantar na casa
  • Servizo de Teleasistencia
  • Programa de Avellentamento Activo

Máis información relacionada con Maiores.

Lista de trámites

Inscrición para as Entidades ou Centros nos Obradoiros de Avellentamento Activo

Co obxectivo de potenciar as capacidades e habilidades das persoas maiores para un bo avellentamento e unha prevención da dependencia, a Concellería de Política Social organiza diversas actividades lúdico-formativas ao longo do ano.

Están dirixidas a grupos de 20 a 25 persoas e son impartidas nas oficinas municipais de distrito, asociacións veciñais ou de persoas maiores que o soliciten e aos que se lles conceda.

Consisten en sesións de unha hora ou ben unha hora e media de duración, un día á semana de mañá ou de tarde, durante todo o ano agás do 15 de xuño ao 15 de setembro.

Inscripción para as Persoas Interesadas nos Obradoiros de Avellentamento Activo

Co obxectivo de potenciar as capacidades e habilidades das persoas maiores para un bo avellentamento e unha prevención da dependencia, a Concellería de Política Social organiza diversas actividades lúdico-formativas ao longo do ano.Están dirixidas a grupos de 20 a 25 persoas e son impartidas nas oficinas municipais de distrito e nos centros ou asociacións sen ánimo de lucro que o soliciten e aos que se lles conceda.Consisten en sesións de unha hora ou ben unha hora e media de duración, un día á semana de mañá ou de tarde, durante todo o ano agás do 15 de xuño ao 15 de setembro.

Procedemento de recoñecemento das situacións de dependencia e acceso ao catálogo de recursos do sistema

Procedemento que depende da Xunta de Galicia e necesario para acceder a determinados procedementos dos Servizos Sociais do Concello de Vigo.

Pode consultar toda a información na páxina sobre a Dependencia dentro da Consellería de Política Social da Xunta de Galicia.

Proxecto "Viaxa e Coñece"

Proxecto destinado a favorecer o coñecemento do patrimonio histórico, cultural e paisaxístico da Eurorexión Galicia – Norte de Portugal a través de excursións de un día organizadas polas asociacións veciñais ou de persoas maiores que o soliciten.

Consiste na posta a disposición dun servizo de autobús de cincuenta e cinco prazas para visitar poboacións de interese na Eurorexión ou asistir a xornadas de convivencia e relación social, achegando a Concellería, como máximo, a cantidade de 300€/día para cada itinerario.

Servizo Municipal de Axuda no Fogar (SAF Libre concorrencia)

O Servizo de Axuda no Fogar (SAF) é unha prestación básica dos Servizos Sociais Comunitarios que presta un conxunto de atencións a persoas ou unidades de convivencia no propio domicilio para facilitar o seu desenvolvemento e a permanencia no seu medio habitual.

A prestación deste servizo ten carácter de reforzo e non substitúe ás propias capacidades da persoa usuaria e doutras persoas do seu contorno inmediato nin exime en ningún caso á familia das súas responsabilidades.

Obxectivos:

a) Mellorar a calidade de vida das persoas usuarias.

b) Posibilitar a permanencia das persoas no seu contorno de convivencia habitual.

c) Favorecer e potenciar a autonomía persoal no propio domicilio.

d) Manter, mellorar e recuperar as redes de relación familiar e social.

e) Previr situacións de dependencia ou exclusión social.

f) Retardar ou evitar a institucionalización.

g) Reforzar a solidariedade e potenciar o voluntariado social.

Prestacións que se ofrecen desde o servizo de axuda no fogar:

a) Atencións de carácter persoal na realización das actividades básicas da vida diaria (coidados persoais, alimentación, etc.).

b) Atención das necesidades de carácter doméstico e da vivenda.

c) Acompañamentos fóra do domicilio (citas e xestións).

Solicitude de Acceso ao Programa Xantar na Casa

O programa Xantar na Casa é un servizo de comida a domicilio que pretende facilitar e garantir unha alimentación equilibrada e de calidade adaptada ás necesidades das persoas para cubrir as súas necesidades básicas relacionadas coa compra ou elaboración de menús.

O seu obxectivo principal é mellorar o nivel de benestar e calidade de vida de persoas maiores e/ou dependentes e tamén das súas familias, manténdoas no seu contorno comunitario e atrasando ou evitando a institucionalización.

O programa pode, en ocasións, complementar ao Servizo de Axuda no Fogar (SAF) que presta o Concello, para manter ao máximo a capacidade de independencia e autonomía das persoas coa permanencia nos seus propios fogares.

Teleasistencia Domiciliaria do Concello de Vigo

O servizo de teleasistencia domiciliaria é unha prestación social de natureza tecnolóxica que, a través dunha liña telefónica e cun equipo de comunicacións e informático específico, permite ás persoas usuarias poñerse en contacto cun centro de atención de chamadas que conta con persoal especializado para dar resposta ás súas necesidades de forma ininterrompida as 24 horas do día e os 365 días do ano.

O servizo municipal xustifícase na necesidade de facilitar unha atención domiciliaria a determinados colectivos especialmente vulnerables como o das persoas maiores, con discapacidades, dificultades de autonomía persoal, carencia de relacións persoais e familiares ou afectados por enfermidades crónicas e outras patoloxías asociadas, sempre que non estean incluídas no sistema de atención á dependencia.

Trátase dun servizo social de carácter normalizador co que se procura a permanencia das persoas usuarias no seu medio habitual evitando internamentos innecesarios en centros e coa tranquilidade de que en calquera situación de risco ou emerxencia serán atendidas con dilixencia.