Escudo Concello de Vigo

Igualdade

Recomendacións ante agresións

1. Ten sempre a man un teléfono de emerxencia ou da policía.

2. Acode a un Centro Sanitario en caso de calquera manifestación de violencia física ou sexual e pide un parte de lesións.

3. Se tes dúbidas acode ao Centro de Información dos Dereitos da Muller para que te asesore en todo o proceso.

4. Se tes que saír da túa casa e necesitas acollemento, recorda que podes utilizar o servizo da Casa de Acollida para Mulleres Maltratadas tanto para ti coma para os teus fillos e fillas.

5. Presenta unha denuncia ante o Servizo de Atención á Familia (SAF) da Policía Nacional. Non só teñen axentes preparados e preparadas para recoller unha denuncia deste tipo, senón que de xeito inmediato entran na axenda do xulgado de garda ou, no caso de Vigo, no Xulgado de Violencia sobre a Muller Nº 1 e dan citacións a todos e todas, incluída vítima e testemuñas, e valoran a adopción de medidas inmediatas de protección para a vítima.

- É importante que dende o primeiro momento solicites a asistencia dun letrado ou letrada de Violencia de xénero (en cada colexio de avogados e avogadas debe haber unha quenda especial).

- Trata de contar os feitos da forma máis clara e realista posible, dando todos os datos do agresor para facilitar a súa identificación.

- En caso de maltrato físico presenta copia do parte de lesións.

- En caso de perigo, solicita Orde de protección, que será tramitada co xuízo rápido.

- As medidas de protección supoñen, por exemplo:

  • Acompañamento policial en caso de perigo ou de ter que acudir ao domicilio familiar a recoller calquera das túas cosas.
  • Retención de armas no caso de que o agresor teña permiso.
  • Intervención do teu teléfono, sobre todo para controlar ao agresor no caso de que te chame.
  • Orde de desaloxo do domicilio no caso de que o agresor quede na casa.
  • Orde de afastamento co obxectivo de que o maltratador non poida achegarse a ti.
  • No caso de que a quebrante, poderá ser arrestado inmediatamente.

6. Se queres saír da casa debes saber que podes irte sen que isto sexa considerado abandono do fogar, sempre que no prazo de 30 días presentes unha demanda de divorcio no xulgado ou solicites medidas provisionais (estas medidas implican autorización para vivir separados, a custodia dos fillos e fillas, determinación sobre a vivenda e auxilios económicos).

7. Se te vas de casa procura levar documentación tanto túa como dos teus fillos e fillas (DNI ou pasaporte, cartilla sanitaria, permiso de conducir, libro de familia, documentos bancarios, permiso de traballo no caso de non ser española, escrituras...) e obxectos personais básicos.

8. No caso de violencia sexual debes ter en conta:

  • Acudir a un centro sanitario tan pronto poidas. Se prefires non ir soa , pide a algunha persoa de confianza que te acompañe.
  • Non te laves nin te cambies de roupa ata despois do recoñecemento médico e a denuncia. Recorda que pode haber moitas probas que serán necesarias na investigación e a denuncia.
  • Pode que pases por diferentes fases: fase de atordamento e confusión, fase de introversión e recollimento onde tratarás de esquecer o ocorrido. Por iso é importante que busques axuda psicolóxica especializada.