Escudo Concello de Vigo

Servizos Sociais

Programa de inclusión sociolaboral

O programa concíbese co obxectivo de combinar coas medidas de ingresos mínimos (como a RISGA) outras actuacións orientadas a compensar déficits de capacitación, de sociabilidade e de axuste persoal, promovendo a inserción social e laboral deses colectivos en situación ou grave risco de exclusión social mediante a realización de itinerarios individualizados e integrais de inserción social.

Obxectivos

Por un lado, aumentar a participación no emprego dos colectivos máis arredados do mercado de traballo:

  • Desenvolvendo medidas de acompañamento social e programas de capacitación e adquisición de hábitos sociais, laborais e de formación complementaria para as persoas en risco ou situación de exclusión social.
  • Promovendo unha formación ocupacional adaptada

Doutro, mellorar os niveis educativos da poboación adulta, estimulando a súa reincorporación ao sistema educativo:

  • Potenciando a participación das persoas analfabetas ou con baixos niveis de estudios nos programas de educación de persoas adultas.
  • Adaptando as condicións de acceso e os horarios da oferta educativa para persoas adultas ás necesidades do alumnado.

Persoas destinatarias

Persoas perceptoras da Renda de Integración Social de Galicia (RISGA) que, nos seus Itinerarios Personalizados de Inserción (IPI), teñan como obxectivo a integración formativo-laboral.

Acceso ao servizo

Os equipos de inclusión social atenden ás persoas derivadas desde os servizos comunitarios básicos. O acceso prodúcese trala derivación das UTS e as entrevistas individuais coas Técnicas de Inclusión (nos Centros Municipais de Servizos Sociais de Princesa e Princesa-Sur) ou grupais (nos de Rivera Atienza e Coia).