Parroquias

Alcabre

Alcabre é unha das parroquias de menor extensión e poboación, 2.481 habitantes no último censo. Esténdese sobre un desgastado outeiro, que abrangue as praias de Fontoura, Carril, Santabaia, Cocho, Mourisca, Fontes, Tombo de Gato, Espedrigada, Cocho das Dornas e Laxón de Samil.

É un dos topónimos máis curiosos da nosa xeografía, e que aínda non se pode establecer con certeza o seu significado. É clara a orixe celta do elemento -bre (núcleo de poboación no interior de murallas) mais alk- é escura. Pode devir de alc- cervo, ou de arca (cunha alteración do r en l): construción. As pegadas de habitantes na zona remóntanse ao período mesolítico (6.500-4.500 anos a.c.), na contorna do Monte das Cruces no que se toparon pezas líticas. A zona acolleu tamén un poboado castrexo e posteriormente un asentamento romano do que se conservan tégulas, bases de columnas ou muíños de man. Emporiso, a primeira referencia á parroquia de Alcabre data do 1469, co nomeamento de don Álvaro Mallo como párroco.

Segundo a tradición, o corsario Drake desembarcou en Santa Baia onde foi rexeitado pola veciñanza cos trebellos da labranza. No 1664 Alcabre sofre os ataques das flotas inglesa e portuguesa de camiño ao Miñor e no 1719 un destacamento británico acampa na parroquia dende a que asolarán Vigo. Os rexistros parroquiais de Alcabre, iniciados no 1604 reflicten os preliminares da batalla de Rande. Tradicionalmente, a economía tivo carácter rural, sendo irrelevante a actividade pesqueira, localizada na veciña Bouzas.

Alcabre alberga un interesante conxunto relixioso do século XVIII, formado pola igrexa, a casa reitoral e o cemiterio. A nova igrexa de Santa Baia foi rematada no ano 1999, próximo a ela o pazo de Sensat, edificado na década dos 40 do século pasado constitúe unha obra senlleira arquitectonicamente.

Doutra banda, entre Cocho e Mourisca, na Punta do Muíño, érguese o Museo do Mar, no que fora antigo matadoiro e ruínas dunha conserveira. A praia de Fontes, tristemente famosa polos asasinatos de veciños despois do levantamento fascista do 1936, acolle hoxe un monolito de homenaxe ás vítimas.

As asociacións de veciñal A Nosa Terra, o club de fútbol Areas de Alcabre e mais a coral Perla do Atlántico dan conta da actividade social da parroquia.

Máis información en:
- Factoría romana de salazón

 

Concello de Vigo

Praza do Rei - 36202 - Vigo (Pontevedra) - Teléfono: 010 - 986810100