Escudo Concello de Vigo

Servizos Sociais

CIIES

O Centro Integral de Inclusión e Emerxencia Social (CIIES) do Concello de Vigo configurase como un centro de atención integral para persoas sen fogar, en situación de exclusión social e/ou emerxencia social que persigue realizar unha intervención social de calidade que permita ás persoas mellorar a súa calidade de vida, procurar contextos que faciliten a inserción socio-laboral e atender situacións puntuais de emerxencia social.

As instalación do CIIES contan con máis de 2000 m2 distribuídos en tres plantas e un amplo patio de arredor de 1600 m2. O acceso as instalacións realizase pola rúa Jacinto Benavente e o horario de funcionamento desenvolvese ininterrompidamente, as 24 horas do día, os 365 días do ano; establecéndose uns horarios concretos segundo o tipo de servizo ou centros.

Ademais, o CIIES conta tamén cun piso destinado ao programa de transición á vida autónoma.

Programas e servizos

Obxectivos

  • Atender as necesidades básicas (aloxamento, alimentación, asistencia e atención especializada) das persoas afectadas por situacións valoradas de exclusión social ou en risco de exclusión.
  • Proporcionar atención puntual en situacións de emerxencia sobrevida.
  • Ofrecer solucións de carácter integral que permitan ás persoas usuarias desenvolver verdadeiros procesos de inclusión de carácter permanente a fin de acadar maiores niveis de integración e normalización social en cada caso ou un maior control do deterioro noutros casos.
  • Abordar desde a perspectiva da integración ou inclusión social a situación das persoas que non poden conservar ou acceder a un aloxamento axeitado e permanente que proporcione un marco estable de convivencia, xa sexa por razóns económicas ou outras barreiras sociais, ou ben porque presentan dificultades persoais para levar unha vida autónoma.

Persoas destinatarias

Con carácter xeral, persoas maiores de idade e menores de 65 anos que acrediten a súa identidade, carezan de aloxamento e de recursos económicos suficientes e sexan válidas para o desenvolvemento das tarefas da vida diaria (AVD). Excepcionalmente, coa autorización previa da Dirección Municipal, poderán acceder ao servizo persoas que non cumpran os requisitos de idade e autonomía.

Acceso ao programa

As vías de acceso así como certos requisitos para a admisión varían en función de cada un dos servizos que ofrece o CIIES aínda que, de xeito xeral, o acceso prodúcese ben por solicitude directa da persoa usuaria, ben por derivación desde os Servizos Sociais Comunitarios Básicos, outros servizos ou programas do propio CIIES ou doutras entidades e institucións.

Con carácter xeral, cando demanda sexa superior á oferta dos servizos do CIIES terán preferencia as persoas con menores recursos económicos.

Proxectos de resposta inmediata

Albergue

Centro para o aloxamento e manutención por un período limitado de tempo. Dispón de 38 prazas (30 para varóns e 8 para mulleres). Está aberto os 365 días do ano en horario de 20:00 a 9:00 horas.

O acceso é voluntario e as prazas asígnanse por orde de chegada, aínda que cando o número de usuarios pendentes de acceder é superior ás prazas dispoñibles, a asignación realízase por valoración técnica do equipo do CIIES.

As persoas usuarias poden facer uso do servizo por un período máximo de 10 días e logo deste tempo teñen que permanecer 10 días fora do recurso.

Comedor social

Establecemento no que se ofrece o servizo de xantar os 365 días do ano en horario de 13:00 a 15:00 horas. Dispón de 70 prazas mixtas.

Acceso é voluntario: pode realizarse solicitando praza directamente no Centro, por derivación interna ou de recursos externos. As prazas asígnanse por orde de chegada ou por valoración técnica do equipo do CIIES (con prioridade de acceso para todas aquelas persoas con menores recursos económicos).

As persoas usuarias poden facer uso do servizo por un máximo de 7 días. Logo deste tempo teñen que permanecer 7 días fora do recurso para volver.

Unidade de hixiene

Comprende os servizos de duchas, lavandería e roupeiro destinados ás persoas usuarias do CIIES e unha quenda libre para persoas que non estean a facer uso de ningún servizo do CIIES.

Servizo de consigna

Co obxectivo de garantir a custodia das súas pertenzas a todas as persoas usuarias dalgún dos servizos do CIIES.

Servizo de Enderezo Postal e Empadroamento

Co obxecto de garantir o acceso aos servizos que requiran do empadroamento na cidade (atención sanitaria, servizos comunitarios básicos, etc.) así como facilitar a recepción de correspondencia, utilizando o enderezo postal do CIIES.

Volver ao inicio

Proxectos de atención personalizada

Centro de atención social continuada

Centro aberto permanentemente en horario continuado ou en horario complementario ao resto dos recursos sociais de atención ás persoas en situación de exclusión ou emerxencia social no que se ofertan servizos de atención ás necesidades básicas e/ou urxentes das persoas usuarias.

Centro de día de inclusión

Espazo socio-educativo de réxime diúrno dirixido a persoas que se atopan nunha situación de risco e/ou de exclusión social, sen fogar ou urxencia social, que presentan déficits ou carencias susceptibles de rehabilitación ou mellora.

O acceso prodúcese por derivación dos Servizos Sociais Comunitarios Básicos ou do propio CIIES e para permanecer é imprescindible iniciar un proceso de intervención cun Plan de Atención Individual (PIA).

Centro de acollida e inclusión

Centro que, en réxime residencial temporal e mediante unha actuación programada, ofrece oportunidades de axuste persoal e incorporación socio-laboral ás persoas en situación ou risco de exclusión social.

O Centro estrutura o seu traballo a través de dous programas:

  • Programa básico de acollemento e inclusión social, no que as persoas usuarias reciben atención social, manutención e aloxamento de xeito estable por un período de tempo determinado (6 meses prorrogables), mentres participan nun proxecto de inserción encamiñado ao logro da súa incorporación social e laboral.
  • O centro conta cunha capacidade de 11 prazas (5 para mulleres e 6 para homes) e para acceder ao programa é necesaria derivación dos Servizos Sociais Comunitarios Básicos ou derivación do propio CIIES.

  • Programa de transición á vida autónoma, recurso residencial de segundo nivel, que ofrece un aloxamento provisional de características normalizadas para favorecer a transición á vida autónoma.
  • Conta cunha capacidade de 8 prazas para varóns e vai destinado a persoas que, sendo vulnerables á exclusión social, contan con capacidade e posibilidades de inserción e normalización, con autonomía nas áreas de habilidades básicas da vida diaria (ABVD), habilidades sociais e na área económica.

    O acceso prodúcese mediante derivación externa ou do propio CIIES cando a persoa supera os obxectivos fixados no Piso Básico e ten perfil laboral, formativo ou formativo-laboral.

Servizo de Atención Psicosocial

Co obxectivo de ofrecer apoio e intervención especializada nos casos nos que a persoa usuaria teña problemas de índole psicolóxico relacionados co seu proceso de exclusión e podan constituírse como unha dificultade para a inserción e intervención social na que interveñen Traballadores Sociais, Educadores e Técnicos en Integración Social.

Volver ao inicio

Proxectos transversais e de actuación coa contorna

Unidade de rúa

Servizo de atención ao colectivo de persoas sen teito que se atopen na rúa que actúa como ponte entre a rúa e a rede de recursos específicos de atención a persoas sen fogar e loita contra a exclusión.

A súa actividade céntrase na detección, intervención e atención directa ás persoas sen fogar no medio aberto, persoas en situación de vulnerabilidade extrema e emerxencia social debido á permanencia neste medio.

Servizo de busca de aloxamento

Ten como obxectivo acompañar ás persoas usuarias nos procesos de busca dun aluguer que, en moitas ocasións suporía o abandono definitivo da situación de sen fogar e nalgúns casos a recuperación da autonomía persoal e a posibilidade da plena inclusión na vida comunitaria.

O servizo implica a busca, selección e actualización dunha listaxe de aloxamentos, o contacto cos propietarios, o acompañamento aos usuarios e, en ocasións, a axuda no traslado das súas pertenzas.

Sensibilización e servizos orientados ao cambio social

Ademais da atención directa das necesidades básicas das persoas usuarias, o CIIES intervén no seu entorno comunitario tratando de favorecer a integración do servizo e de reducir o impacto veciñal a través de:

  • Actividades destinadas a mellorar a relación coa contorna
  • Actividades educativas que fomenten a participación persoas usuarias na contorna.
  • E, actividades de sensibilización, con xornadas de portas abertas e con obradoiros de sensibilización sobre a problemática das Persoas Sen Fogar (especialmente coa poboación adolescente nos centros educativos).

Volver ao inicio