Parroquias

Beade

A parroquia de Beade (santo Estevo) abrangue máis de 745 hectáreas suavemente inclinadas nunha das vertentes do val do Fragoso, atravesadas polos ríos Xerxas, Mao, Babio e Quintián. A súa situación xeográfica convértea nunha verdadeira atalaia dende a que se divisa a cidade de Vigo e as illas Cíes.

O topónimo Beade provén do nome persoal Beatus (Beati), que faría referencia ás terras da propiedade de Beatus.

A primeira referencia escrita da parroquia data do 1160, rexistrando a documentación da igrexa de Beati. O control administrativo das terras de Beade, xunto ás de Zamáns, correspondeu a partir do 1371 ao Cabildo de Tui. Tras séculos de descenso de poboación, por mor de enfermidades endémicas, de guerras e de fames, a recuperación prodúcese a fins do XVII, reflectíndose na construción da igrexa actual. No seu adro tópase un interesante cruceiro, de orixe descoñecida, que foi emprazado na súa ubicación actual no 1854.

Non obstante, se hai algo que singulariza a Beade na bisbarra viguesa é a calidade das súas coñecidas cereixas. O seu cultivo vén de antigo, constituíndo unha axuda para as economías familiares dos veciños. A clase de froito que máis abonda na parroquia é a cereixa denominada "de pico", pero tamén se dan outras variedades como a "branca do cedo", a "branca do tarde" e a "negra tardía".

No 1985 comezouse celebrar a Festa-Concurso da Cereixa. A gran repercusión obtida obrigou a novas edicións, sempre no primeiro domingo de xuño, ata chegaren a actualidade. Asemade, desenvolvéronse xornadas técnicas que deron lugar á creación da Asociación de Produtores de Cereixas de Galicia promotores da repoboación de 50.000 cerdeiras.

O centro Social, Cultural e Recreativo de Beade focaliza a vida cotiá da zona, organizando todo tipo de actividades que conseguen unha alta participación popular. Ademais, a parroquia conta cunha banda de música e co Centro Cultural Labradores.

Máis información en:
- Centro Cultural de Beade

 

Concello de Vigo

Praza do Rei - 36202 - Vigo (Pontevedra) - Teléfono: 010 - 986810100