Parroquias

Valadares

Valadares é unha parroquia extensa, cunha superficie de 12,92 quilometros cadrados de relevo accidentado cos montes Alba e Galiñeiro, como fronteira entre o Val do Fragoso e o Miñor. A localización da poboación nas abas e a existencia de importantes masas forestais nas pendentes máis pronunciadas caracteriza a zona. Valadares conta, segundo o último censo, con 5.414 habitantes.

No último tercio do século XVII, obtivo o nomeamento de vila e cabeceira de marquesado, por mor do favor do rei a Luis de Valadares Meira e Sarmiento. A casa de Valadares tivo a súa orixe no século XIII, chegando a ser das máis poderosas no sur de Galicia. Aínda hoxe a capela do Alba mantén o escudo de armas da familia. Sen embargo, a constitución desta parroquia é máis serodia ca outras, probablemente conformase ata entón o couto anexo a Vincios, baixo o control do bispo de Tui.

O conxunto da igrexa parroquial, o cemiterio, adro e campo da festa datan de fins do XVII, inicio do XVIII. Na parroquia catalogáronse 240 hórreos ou cabanas como os denominan os veciños, dos que máis da metade superan os cen anos. Actualmente, diversos colectivos desenvolven unha grande actividade social e cultural: o simposio de esculturas, o certame de regueifas, o Revoltallo de música emerxente, a festa do San Campio.… Destacan polo seu dinamismo a Asociación de veciños do Freixo, o Centro Cultural Recreativo de Valadares, a Unión Musical ou as asociacións de patinaxe artística ou de cicloturismo.

Máis información en:
- Centro Veciñal e Cultural de Valadares
- Asociación de Veciños Freixo

 

Concello de Vigo

Praza do Rei - 36202 - Vigo (Pontevedra) - Teléfono: 010 - 986810100