Escudo Concello de Vigo

Patrimonio Histórico

Castro de Vigo

Enderezo: Paseo Cronista Xosé M. Álvarez Blázquez 16-18, 36203 Vigo.

Horario de outubro a decembro:

  • De mércores a vernes, e domingos: de 11 a 13 horas.
  • Sábados de 16 a 18 horas.

O Castro de Vigo localízase no monte do Castro, situado en pleno centro urbano da cidade. As escavacións efectuadas ao longo do pasado século, na aba nordeste do monte, permitiron recuperar unha vintena de construcións e numerosas estruturas escavadas na rocha correspondentes a canles, pías, buratos de poste, etc.

Os restos escavados son unha pequena parte dun poboado castrexo que se estendería polas abas do monte, habitado entre o século II a.C. e o século III d.C. Foi abandonado pacificamente, probablemente polo traslado dos seus habitantes á zona do Areal.

 

As construcións orixinais harmonizan coas réplicas

Baseándonos na información proporcionada polo xacemento e por outros castros similares, reproducíronse tres edificacións que ilustran un momento inicial da ocupación romana.

Ante as réplicas, levantadas ata o tellado, os muros orixinais parecen pequenos e insignificantes. Con todo, son estes os que teñen auténtico sentido humano. Son os que construíron os seus habitantes, fai uns dous mil anos, para vivir coas súas familias. Por todo isto, e porque ofrecen información arqueolóxica, constitúen valiosos documentos do pasado que debemos coñecer e conservar.

 

 

Documentación