Escudo Concello de Vigo

Xerencia Municipal de Urbanismo

Avaliación Ambiental

http://www.cmati.xunta.es/medio-ambiente-e-sostibilidade

Plan Xeral de ordenación Municipal do Concello de Vigo (en elaboración)  

Consonte ao artigo 18 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, dentro do procedemento substantivo de adopción ou aprobación do Plan Xeral de Ordenación Municipal de Vigo, o promotor (concello de Vigo) presentará ante o órgano substantivo (órgano da administración pública que ostenta as competencias para aprobar o plan), xunto coa documentación esixida pola lexislación sectorial, unha solicitude de inicio de avaliación ambiental estratéxica ordinaria, acompañada do borrador do plan e dun documento inicial estratéxico.

Na actualidade estase a elaborar a antedita documentación que forma parte do expediente administrativo tramitado en cumprimento do acordo do Pleno do Concello de Vigo de data 18.12.2015 polo que se inicia o procedemento de revisión do PXOU-93, dada a situación xerada pola sentenza ditada o día 10.11.2015 polo Tribunal Supremo, no recurso de casación nº. 1658/2014 que declarou a nulidade das ordes ditadas pola Conselleira da Consellería de Ordenación do Territorio e Obras Públicas en data 16.05.2008 e o Conselleiro de Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas en data 13.07.2009, aprobatorias do Plan Xeral de Ordenación Municipal de Vigo.

Avaliación Ambiental Estratéxica de Plans

A avaliación ambiental de plans e programas, tamén coñecida como avaliación ambiental estratéxica, é un instrumento que permite integrar os aspectos ambientais na elaboración e aprobación de plans e programas públicos para acadar un elevado nivel de protección do medio e promover o desenvolvemento sostible.

Lexislacion de referencia
  • A Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental establece o réxime xurídico aplicable á avaliación ambiental estratéxica de plans e programas.
  • Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia.
Ámbito de aplicación

Con carácter xeral, deben ser obxecto de avaliación ambiental estratéxica todos os plans e programas, así como as súas modificacións, que adopte ou aprobe unha administración pública e que ademais a súa elaboración e aprobación estea esixida por unha disposición legal ou regulamentaria ou por acordo do Consello da Xunta.

A Lei 21/2013, do 9 de decembro, distingue dous tipos de avaliación ambiental estratéxica:

  • Ordinaria. Cando con carácter xeral se presume que un plan terá efectos significativos sobre o medio e, polo tanto, debe ser avaliado antes da súa aprobación, adopción ou autorización.
  • Simplificada. Cando é necesario que o órgano ambiental determine se un plan ten efectos significativos sobre o medio, segundo os criterios establecidos no anexo V. Se conclúe que o plan ten efectos significativos sobre o medio deberá tramitarse o procedemento ordinario.

A Lei 2/2016, do 10 de febreiro, establece tamén, con carácter sectorial, o planeamento urbanístico que debe ser obxecto de avaliación ambiental estratéxica.

Procedementos
  • Procedemento ordinario. A Lei 21/2013, do 9 de decembro, describe no capítulo I do título II, sección 1ª, o procedemento administrativo aplicable á avaliación ambiental estratéxica ordinaria de plans e programas.
  • Procedemento simplificado. A Lei 21/2013, do 9 de decembro, describe no capítulo I do título II, sección 2ª, o procedemento administrativo aplicable á avaliación ambiental estratéxica simplificada de plans e programas.
Documentos
  • Formularios de solicitude de inicio da avaliación ambiental estratéxica. Na dirección previamente indicada pódense descargar cada un destes formularios, tanto para o procedemento ordinario como para o simplificado.
  • Borrador do plan xeral. O borrador do plan xeral é un documento que debe conter as liñas esenciais do planeamento para permitir debater os seus criterios, obxectivos e solucións xerais así como realizar a súa análise urbanística.
  • Borrador de plans de desenvolvemento urbanístico. O borrador dos instrumentos de desenvolvemento urbanístico conterá a información escrita e gráfica suficiente que permita debater sobre os seus criterios, obxectivos e solucións xerais.
  • Documento inicial estratéxico. A solicitude de inicio da avaliación ambiental estratéxica ordinaria dun plan ou programa debe remitirse ao órgano substantivo, xunto coa documentación esixida pola lexislación sectorial, o borrador do plan ou programa e un documento inicial estratéxico (DIE). A Lei 21/2013, do 9 de decembro, establece no artigo 18 o contido que debe ter o documento inicial estratéxico.
  • Documento ambiental estratéxico. A solicitude de inicio da avaliación ambiental estratéxica simplificada dun plan ou programa debe remitirse ao órgano substantivo, xunto coa documentación esixida pola lexislación sectorial, o borrador do plan ou programa e un documento ambiental estratéxico (DAE). A Lei 21/2013, do 9 de decembro, establece no artigo 29 o contido que, como mínimo, debe ter o documento ambiental estratéxico.
  • Estudo ambiental estratéxico. No procedemento de avaliación ambiental ordinaria de plans e programas debe elaborar un estudo ambiental estratéxico tendo en conta o documento de alcance formulado polo órgano ambiental. O estudo ambiental estratéxico considérase parte integrante do plan ou programa. A Lei 21/2013, do 9 de decembro, establece no anexo IV o contido mínimo que debe ter o estudo ambiental estratéxico.
Información cartográfica

A información cartográfica deberase presentar nun formato compatible cos sistemas de información xeográfica (SIX) segundo as instrucións que se indican de seguido. Estas instrucións son un conxunto de especificacións técnicas coas que se pretende normalizar algúns aspectos da información, para axilizar a tramitación ambiental do plan e mellorar a súa análise territorial.

Participación Pública

A Lei 21/2013, do 9 de decembro, en relación co procedemento (ordinario ou simplificado) de avaliación ambiental estratéxica de plans e programas, establece a obriga para o órgano ambiental de consultar ás administracións afectadas e ás persoas interesadas.

Co obxecto de favorecer a transparencia da tramitación e a participación cidadán, a Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio da Xunta de Galicia fai extensivas as consultas ao público en xeral.

Plans co período de consulta aberto

Avaliación  do Impacto  Ambiental de Proxectos

O procedemento de avaliación do impacto ambiental de proxectos é un instrumento necesario para a preservación dos recursos naturais e a defensa do ambiente, xa que introduce a variable ambiental na toma de decisións sobre os proxectos con importante incidencia no medio.

Lexislación de referencia

A Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, establece o réxime xurídico aplicable á avaliación de impacto ambiental de proxectos.

Ámbito de aplicación

Con carácter xeral, o procedemento de avaliación do impacto ambiental aplícase a proxectos, tanto públicos como privados, que consisten en realizar obras, instalacións ou calquera outra actividade con efectos ambientais significativos.

A Lei 21/2013, do 9 de decembro, distingue dous procedementos de avaliación do impacto ambiental en función do tipo de proxectos de que se trate, que son a avaliación de impacto ambiental ordinaria e a avaliación de impacto ambiental simplificada.

Documentos
  • Documento de inicio. Os proxectos que se someten ao procedemento de avaliación do impacto ambiental ordinaria deberán incluír no documento de inicio, como mínimo a información establecida no artigo 34.2 da Lei 21/2013, do 9 de decembro.
  • Documento ambiental. Os proxectos que se someten ao procedemento de avaliación do impacto ambiental simplificada deberán incluír no documento ambiental, como mínimo a información establecida no artigo 45.1 da Lei 21/2013, do 9 de decembro.
  • Estudo de impacto ambiental. Os proxectos que se someten ao procedemento de avaliación do impacto ambiental ordinaria deben incluír na documentación un estudo de impacto ambiental. Este estudo de impacto ambiental debe conter, como mínimo a información establecida no artigo 35 e anexo VI da Lei 21/2013, do 9 de decembro.
Autorización ambiental integrada

Cando se realice o trámite de avaliación de impacto ambiental dentro do trámite de obtención da autorización ambiental integrada -en aplicación da lexislación IPPC-, o contido do estudo ambiental poderase integrar dentro da documentación requirida para este permiso como un único documento.

Estudo de impacto e integración paisaxística

A entidade promotora dun proxecto que está sometido ao procedemento de avaliación do impacto ambiental ordinaria debe incorporar no estudo de impacto ambiental un estudo de impacto e integración paisaxística, consonte ao establecido na lexislación sectorial vixente.

Máis sobre os estudos de impacto e integración paisaxística, así como as Guías da Colección Paisaxe Galega.

Participación Pública

A participación pública é un elemento fundamental na avaliación ambiental, dando oportunidade aos cidadáns para que contribúan na elaboración de proxectos que poidan afectar ao ambiente e na decisión da súa viabilidade

As administracións públicas afectadas, o público interesado e o público en xeral poden formular, no prazo máximo de 30 días, as observacións e suxestións de carácter ambiental que estimen oportunas.

Proxectos tramitados pola Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio da Xunta de Galicia, que se atopan nestas fases de participación pública.

Declaración ambiental
  • Declaración de impacto ambiental (DIA). O órgano ambiental resolve o procedemento ordinario de avaliación do impacto ambiental mediante a emisión da declaración de impacto ambiental. Nesta declaración determínase a conveniencia ou non de realizar o proxecto en atención aos seus efectos ambientais e, en caso afirmativo, as condicións nas que se debe realizar para a adecuada protección do medio e dos recursos naturais.
  • Informe de impacto ambiental (IIA). O órgano ambiental, tras a correspondente avaliación de impacto ambiental simplificada, resolverá mediante a emisión do informe de impacto ambiental que:
    • O proxecto ha de someterse a unha avaliación de impacto ambiental ordinaria e, polo tanto, o promotor debe continuar a tramitación ambiental.
    • u ben, que o proxecto non ten efectos significativos sobre o ambiente e, polo tanto, finaliza a tramitación ambiental.