Escudo Concello de Vigo

Servizos Sociais

Prestacións económicas municipais

Os servizos sociais do Concello de Vigo, tanto os comunitarios básicos como os específicos, traballan desde hai moitos anos co obxectivo de garantir a atención das necesidades básicas do conxunto da cidadanía, especialmente dos colectivos con maiores dificultades de inserción.

En xeral, e como metodoloxía de traballo, prestan unha atención integral ás persoas baseada no esforzo da súa autodeterminación e a potenciación dos seus propios recursos e os do seu contorno familiar e comunitario, contando cun conxunto de prestacións entre as que se inclúen as municipais como resposta ás carencias na cobertura das necesidades sociais detectadas.

Con esta finalidade a Concellería de Política Social promove anualmente unha convocatoria de axudas de emerxencia como parte da resposta ás carencias detectadas na cobertura das necesidades sociais básicas de aloxamento, alimentos, gastos de atención sanitaria non cubertos polo sistema público de saúde, etc. e procurando evitar os desafiuzamentos derivados da falta de pagamento do aluguer ou do crédito hipotecario.

Ademais, nun contexto xeral de grave crise económica como a que se está a padecer desde hai anos, o Concello de Vigo considerou necesario complementar esas axudas de emerxencia poñendo a disposición das persoas e familias necesitadas uns recursos económicos que lles permitisen facer fronte, polo menos parcialmente, aos gastos derivados do uso da vivenda habitual, da compra de alimentos e dos subministros básicos do fogar, as carencias básicas de alimentación e as situacións de «pobreza enerxética», que mesmo poderían imposibilitar o normal uso e goce da vivenda.

Xunto a estas axudas, o Concello conta tamén cun programa de axudas municipais escolares de libros, material escolar e comedor dirixidas, prioritariamente, a familias con dificultades socioeconómicas e dificultades en conciliar a súa vida familiar e laboral.

Trámites:

Durante o período en que esté activa a convocatoria, no apartado convocatorias e subvencións, poderá consultar a información respectiva e, no seu caso, facer a solicitude dentro do prazo establecido.