Parroquias

Bouzas

Bouzas abrangue un territorio de preto de 12 quilómetros cadrados. Na Idade Media a parroquia era atravesada por unha vía , cun tramo que ía dende a ponte de Comesaña ata sair por San Miguel de Oia, logo aproveitado para o trazado da estrada Vigo-Baiona. En tempos de Pedro I o Cruel, foi señor de Bouzas Suero Yáñez de Parada que perdeu as terras ao confiscalas o bastardo Henrique II, que llelas entregou á Mitra e ao Bispado de Tui.

O topónimo Bouzas provén do plural do substantivo galego “bouza” (zona de vexetación espesa de matorral e monte baixo). Substantivo de orixe prelatina.

No patrimonio arquitectónico sobresaen a igrexa parroquial, realizada encol dunha rocha na segunda metade do século XVI e reedificada no XVII, o cruceiro vello do 1802, para algúns historiadores marca do lugar onde naceu a vila; e numerosas casas nobres, que reflicten a puxanza de Bouzas no pasado.

Bouzas foi o corazón mariñeiro de Vigo. Xa no 1501 o bispo concedelle o dereito de ter alfolín, depósito de sal, e de carga e descarga de mercadorías. Onde outrora estaban as pequenas casas da xente que vivía da pesca de baixura, érguense agora os estaleiros industriais ou o Centro Tecnolóxico do Mar, dedicado ás investigacións mariñas. En Bouzas desenvolven as súas actividades unha asociación de mariñeiros, dous clubs náuticos, A Mandorniña e o Liceo Marítimo, ademais dunha banda de gaitas, unha asociación de veciñal e un colectivo de mulleres. Sobre todas as institucións, destaca o club de fútbol, o Rápido de Bouzas, fundado en 1917. Bouzas foi concello de seu ata 1904.

Máis información en:
- Vila galaico-romana de Toralla

 

Concello de Vigo

Praza do Rei - 36202 - Vigo (Pontevedra) - Teléfono: 010 - 986810100