Policía Local

Actividades

  1. Campañas de prevención periódicas
  2. Formación de alumnado de 5º de educación primaria
  3. Formación no parque infantil de tráfico de alumnado de 6º de educación primaria
  4. Formación en aulas do alumnado de 3º ou 4º de educación secundaria
  5. Formación de colectivos de alumnado con necesidades educativas especiais
  6. Sesións informativas sobre sistemas de retención infantil
  7. Menores en risco social
  8. Visitas a escolas infantís
  9. Actividade lúdica infantil en Vigolandia (Recinto Ferial de Cotogrande IFEVI)
  10. Formación a colectivos que demanden actividades educativas de seguridade viaria (AMPAS, empresas, clubes ciclistas, campamentos de verán, etc.)

1. Campañas de prevención periódicas

En función das estatísticas de accidentalidade na nosa cidade ou da observación de riscos ou situacións problemáticas relacionadas co uso das vías e o comportamento humano, estudamos os factores que poden ser a súa orixe, e elaboramos campañas de concienciación específicas. Estas campañas acompáñanse de actividades formativas e publicitarias que afectan a unha gran porcentaxe da poboación.

2. Formación en aulas de alumnado de 5º de educación primaria

Os alumnos e alumnas de 5º de primaria, nenos e nenas entre os 9 e 10 anos de idade, como norma xeral están capacitados para desprazarse sós como peóns, se previamente tiveron unha aprendizaxe ao respecto na familia. A nosa actividade ten como obxectivo reforzar esa importante tarefa familiar.

A sesión será práctica, excepto casos puntuais. Durante o seu desenvolvemento, os nenos e nenas levarán a cabo distintas observacións na contorna do centro escolar. Por un lado, naqueles centros escolares que conten cunha contorna frecuentada por peóns, os e as participantes terán a oportunidade de realizar unha observación do comportamento peonil. Para elo, empregarán ferramentas de toma de datos nas que reflectirán diferentes aspectos importantes para a seguridade dos peóns, para unha vez analizados establecer conclusións de cales son as principais causas de risco e como poder evitalas. Por outro, aquelas escolas nas que non sexa posible a realización dunha observación peonil, o alumnado realizará un percorrido pola contorna escolar anotando nun formulario de observación, os puntos ou lugares que presentan características importantes para a protección dos peóns e aqueles que presentan riscos, establecendo alternativas de mellora destes últimos lugares ou puntos de estudo.

No caso de non poder realizar a tarefa práctica na rúa, levarase a cabo unha actividade na aula, na que analizarase a partir de actividades teórico-prácticas o comportamento seguro dos peóns.

Para unha mellor aprendizaxe, aos centros participantes entregaráselles documentación de preparación, que deberán traballar co alumnado con anterioridade á visita policial.

A sesión de seguridade viaria complementarase con información relacionada coa activación do protocolo de intervención por emerxencias a través do 112.

3. Formación no parque infantil de tráfico do alumnado de 6º de educación primaria

Os alumnos e alumnas participantes na actividade práctica no parque infantil de tráfico de O Castro, experimentan en condicións de seguridade lo aspectos relacionados co uso da bicicleta como vehículo e reforzan as súas aprendizaxes como peóns. Cuestións relacionadas coa seguridade persoal ou as manobras de sinalización, entre outros, constitúen as aprendizaxes que poderán adquirir durante a sesión.

Os mozos e mozas representarán distintos papeis como usuarios das vías. Así, terán a oportunidade de ser condutores de bicicletas, peóns ou policías. Deste modo, comprenderán as distintas perspectivas de cada un dos roles e poderán axustar en maior medida os seus comportamentos a un uso seguro das rúas, aspecto non enfrontado coa diversión e o goce. Os policías contarán cun formulario de observación para axudar a os seus compañeiros e compañeiras a mellorar a súa seguridade como ciclistas ou peóns. Eles e elas, os e as policías, serán a figura principal de apoio para o resto do alumnado, xa que guiados polos monitores de Educación Viaria, fomentarán de maneira positiva os cambios necesarios para mellorar a seguridade. Faremos dúas quendas de traballo, para que todos os alumnos e alumnas circulen en bicicleta, sempre que poidan ou saiban, polo que todos e todas representarán máis dun papel durante a actividade. Reservaremos vinte minutos para realizar un traballo en equipo, analizando aspectos a mellorar como peóns e ciclistas e como levalos á práctica na vida real na cidade.

4. Formación nas aulas de alumnado de 3º ou 4º de educación secundaria

Resulta importante que os adolescentes exerciten unha análise profunda da situación viaria que lles afecta en estas idades, xa que na actualidade constitúen un dos colectivos de maior risco. Con esta finalidade, o equipo de Educación Viaria deseñou un programa que facilita a toma de contacto con esta temática, á vez que propicia un traballo de investigación e análise de datos que axudará á mocidade a interpretar unha realidade que pasa desapercibida.

O peón, dada a súa relevancia na sinistralidade viaria, será unha figura principal. Os mozos e mozas, traballarán aspectos relacionados coa súa vida como peóns, analizando situacións reais achegadas por eles e elas. Complementaremos o traballo de reflexión guiada con prácticas que nos axudarán a comprender como afecta a distancia de detención dun vehículo a nosa actitude como peóns, ademais dos efectos do alcohol nas persoas ou distraccións, como principais causas de accidentes.

A sesión complementarase cunha introdución ás manobras de soporte vital básico de adultos, en concreto, o proceso de reanimación cardiopulmonar.

5. Formación de colectivos de alumnado con necesidades educativas especiais

Preténdese facilitar a este colectivo os instrumentos e ferramentas que lles axuden a adquirir maior grao de seguridade e autonomía, que lles permita desprazarse de forma segura polas vías públicas, aspectos para ter en conta cara a mellorar a súa autoestima e inclusión social.

As actividades con este colectivo serán prácticas nas contornas viarias reais.

6. Sesións informativas sobre sistemas de retención infantil

Usar os sistemas de retención infantil no vehículo, axuda a protexer aos nenos e nenas que viaxan neles. Un bo uso dos mesmos, consegue diminuír os riscos de lesións graves e falecementos derivados do sinistro viario. Este é o obxectivo da sesión formativa, axudar aos e as asistentes a mellorar o uso dos sistemas de retención infantil.

Todas as actividades se realizarán na aula 3 da planta 5ª da UNED en Vigo, na Avenida de Beiramar 59, onde contaremos con catro cadeiras infantís para ver as características dos produtos que maior seguridade nos ofrecerán.

Os calendarios e horarios das sesións formativas poderanse consultar coas matronas dos centros de saúde do noso Municipio.

A sesión complementarase cunha introdución ao soporte vital básico do lactante, en concreto, ás manobras de RCP adaptadas a lactantes ou nenos e nenas, ademais da actuación no caso de obstrución da vía aérea.

7. Menores en risco social

Esta actividade comprende un conxunto de accións encamiñadas a ofrecer axuda a aqueles mozos e mozas que se atopan por algunha circunstancia nunha situación de risco social e minimizar o seu posible impacto na seguridade viaria.

Coa axuda do estudo de dilemas morais e contidos teóricos desenvolvidos traballamos o pensamento cognitivo, mellorando o proceso de pensamento sobre os problemas viarios e a toma de decisións responsable, ademais de favorecer o crecemento moral que permitirá lograr aos mozos aumentar o seu nivel de empatía.

Con iso, os e as participantes nesta actividade terán a posibilidade de aumentar tanto a súa seguridade individual como colectiva nos seus desprazamentos.

8. Visitas a escolas infantís

Encontro cos nenos e nenas das escolas infantís de 2 a 3 anos de Vigo. Achegamos a nosa profesión aos máis cativos, ademais de recordarlles as normas básicas de seguridade viaria que ás súas curtas idades deben ter en conta.

Os pequenos e pequenas aprenderán a cruzar os pasos de peóns con seguridade a través de cancións e contos moi entretidos nos que participarán de forma activa e divertida.

9. Actividade lúdica infantil en Vigolandia (Recinto Ferial de Cotogrande IFEVI)

A feira Vigolandia que se celebra no Recinto Feiral IFEVI de Cotogrande, é punto de encontro de multitude de nenos e nenas. Preto de 6.000 nenos participan cada ano nos nosos circuítos viarios para diferentes idades.

Ademais de pasar un bo intre, os nenos e nenas aprenden conceptos de seguridade viaria antes e durante a práctica en cada un dos circuítos.

Vigolandia ten lugar entre os días 26 e 30 de decembro de cada ano e conta con multitude de actividades de lecer para os máis pequenos da casa.

10. Formación a colectivos que demanden actividades educativas de seguridade vial (AMPAS, empresas, clubes ciclistas, empresas, campamentos de verán etc.)

A prevención é a forma máis eficiente de garantir un contexto viario libre de incidencias. Satisfacer as necesidades da xeneralidade da poboación en relación coa seguridade viaria é unha das nosas metas e principios de intervención.

Por iso, a Policía Local atenderá as solicitudes de actividades que teñan relación coa educación viaria, colaborando con iso ao ben común da nosa sociedade.

As solicitudes serán estudadas en función da idoneidade de intervención dun servizo público como o que representamos e da dispoñibilidade de recursos para atender a dita petición.

Todas as solicitudes serán contestadas por rigorosa orde de recepción, sexan aprobadas ou non.

 

 

Concello de Vigo

Praza do Rei - 36202 - Vigo (Pontevedra) - Teléfono: 010 - 986810100