Escudo Concello de Vigo

Cultura

Edificio Mülder

  • Arquitecto: Manuel Gómez Román
  • Ano: 1910
  • Localización: rúa de Montero Ríos, 22

A súa construción foi promovida por Enrique Mülder Palmer e consta do andar baixo e tres andares.É unha das obras con carácter máis modernista do arquitecto Gómez Román aínda que tamén presenta influencias eclécticas, vienesas e belgas.

Os elementos máis destacados son o chafrán con formas curvadas e rematado cunha cúpula, e a fachada de Montero Ríos, na que se aprecian dous corpos máis adiantados con elementos curvos e un fermoso balcón corrido no primeiro andar. Nesta fachada pódese observar tamén un gran arco carpanel apoiado en pilares que enmarca o amplo van do andar baixo. Toda a fachada está feita en cantería.

A decoración aparece sempre subordinada á arquitectura, ou inscrita en formas xeométricas e aparece sobre todo nas falsas claves dos arcos dos vans e debaixo dos balcóns.

A maior novidade en canto a materiais construtivos é o uso da cerámica nas fachadas, sobre todo baixo a balconada do primeiro andar, na que aparecen seres mitolóxicos enmarcados en óvalos azuis e rodeados de grilandas e na cúpula recuberta de pequenas lousas de cor cobriza.