Escudo Concello de Vigo

Laboratorio Municipal

Museo do Laboratorio

Situación:

  • Concello de Vigo. Praza do Rei 1. (Soto 1)

Horarios de visita:

  • De luns a venres: 8.00-15.00 h

A colección de instrumental científico do Laboratorio Municipal de Vigo conforma un conxunto que reflicte, de forma fiel, a evolución do laboratorio e da súa actividade durante o século XX. A mostra pode visitarse na antesala do Laboratorio Municipal.

Creado como Laboratorio Municipal de Higiene, a dotación instrumental respondía ás distintas seccións nas que realizábanse os traballos do laboratorio. A parte máis importante e numerosa correspondía a materiais de uso común, imprescindibles para o bó funcionamento do laboratorio, atopándose neste grupo unha gran variedade de mecheiros, lámpadas, Baños María, fornos e soportes. Por outra banda, o material de vidro tiña unha enorme variedade: probetas e copas graduadas, campás para a recollida de gases, pipetas, tubos de ensaio, funís, refrixerantes e frascos de Woulff para realizar montaxes, entre outros. Nesta exposición recóllese unha pequena selección representativa deste material que foi usado xa nas primeiras décadas de funcionamento do laboratorio.

A investigación e o traballo científico requiren un instrumental que permita realizar medidas e pesas con precisión e rapidez. Especial importancia ten a colección de densímetros e alcohómetros conservada que fora mercada aos fabricantes franceses de maior renome do momento. A colección de instrumental do laboratorio permite tamén facer un seguimento da evolución das balanzas de análise, moi sinxelas nun primeiro momento e extraordinariamente complexas e precisas nos últimos anos.

Unha das seccións máis importantes do laboratorio era a de microscopía ou micrografía, que respondía ao gran desenvolvemento que nesta primeira época do laboratorio tiveron especialidades como a histoloxía e a microbioloxía en xeral, despois de que o microscopio se convertera a finais do século XIX no instrumento paradigmático e simbólico da investigación biolóxica. Algún dos microscopios que se presentan nesta exposición estaban destinados á disección, outros permitían o debuxo das mostras e outros tiñan complicados accesorios nas platinas que permitían facer recontos de mostras. O paso dos anos provocou que esta sección de microscopía se ampliara baixo o nome de óptica xeral, para acoller novos instrumentos como espectroscopios, refractómetros ou colorímetros, que permitían determinar a presencia no sangue ou na auga de certos compoñentes de relevancia nas análises máis comúns que se facían no laboratorio.

Aínda que o nome oficial do laboratorio mudou co paso dos anos, asumindo o máis xenérico de Laboratorio Municipal, a sección de hixiene mantivo unha grande importancia. Entre as pezas máis destacadas que se poden observar nesta exposición, pódense citar os variados e curiosos aparatos de desinfección, pulverizadores de espalda ou móbiles sobre carriños, que permitían actuar directamente nos focos de infección, esterilizando materiais potencialmente perigosos para o contaxio de enfermidades.

Outra parte significativa do instrumental do laboratorio correspondía á sección de bacterioloxía. Algunhas das pezas máis espectaculares que se conservan estaban inventariadas dentro desta sección, salientando os autoclaves de esterilización e as estufas de cultivo, verdadeiras xoias dende o punto de vista do patrimonio histórico-científico.

Aínda está por facer a historia da ampla actividade científica dos laboratorios municipais das cidades galegas, pezas claves na mellora da calidade hixiénica e sanitaria das súas poboacións. A recuperación, conservación e posta en valor desta colección instrumental do Laboratorio Municipal de Vigo é un primeiro paso na recuperación do rico patrimonio histórico-científico que estes centros aportan e permítenos achegarnos á actividade e ao intenso e complexo labor que distintas xeracións de científicos desenvolveron de forma calada pero eficaz.