Escudo Concello de Vigo

Cultura

Edificio de Estanislao Durán

  • Arquitecto: Manuel Felipe Quintana
  • Ano: 1901
  • Localización: rúa do Príncipe, 41

Edificio de estilo ecléctico con influencia francesa remarcada pola presenza da mansarda superior cunha serie de bufardas decoradas con frontón curvo e volutas nos laterais.

A fachada da rúa Velázquez Moreno ten un engadido de andar baixo feito en 1924, pero o resto do edificio consérvase como no proxecto orixinal.

O elemento máis destacado é o chafrán que enlaza as fachadas laterais. No segundo e terceiro andar preséntase como un corpo torreado de formas curvas. No segundo andar destaca tamén a balconada de pedra, e no terceiro aparecen unhas columnas superpostas que soportan os remates semicirculares sobre os que se sustenta a cúpula.

A planta baixa, hoxe sede dun banco, presenta unha sucesión de arcos escarzanos decorados cunha moldura na súa parte superior.

No primeiro andar, os vans están enmarcados por pilastras e no sobrelintel vemos un entaboamento que enmarca a decoración vexetal con figura humana existente.