Escudo Concello de Vigo

Igualdade

Definición de Violencia

Na Declaración sobre a Eliminación da Violencia contra a Muller de Nacións Unidas pode lerse que a violencia contra a muller é “todo acto de violencia baseado na pertenza ao sexo feminino que teña ou poida ter como resultado un dano ou sufrimento físico, sexual ou psicolóxico para a muller, así como as ameazas de tales actos, a coacción ou a privación arbitraria da liberdade, tanto se se producen na vida pública como privada”.

A violencia de xénero é calquera agresión física, psicolóxica ou económica dirixida contra das mulleres polo feito de ser muller, non porque ela teña un modo de comportarse que dea lugar a que isto ocorra.

Referímonos aos malos tratos no ámbito doméstico cando esta violencia é exercida polo marido, parella, noivo ou calquera outra persoa coa cal a muller ten relación de parentesco ou afectividade, e ten como resultado para ela un dano ou sufrimento psicolóxico, sexual ou físico.

Os malos tratos son un camiño sen retorno, onde as relacións violentas non aparecen accidentalmente nin de xeito imprevisto. Os abusos e chantaxes emocionais poden ser o inicio dun longo proceso cíclico que pode rematar coa morte.