- Inicio
- Servizos Cidadanía
- Igualdade
- Violencia de xénero
- Dereitos das mulleres vítimas da Violencia de Xénero
Igualdade
Dereitos das mulleres vítimas da Violencia de Xénero
Para coñecer se reúnes os requisitos establecidos, para ter dereito a algunha das axudas descritas a continuación, será conveniente que acudas ao Centro Municipal de Información dos dereitos da Muller.
- Medidas Municipais: II Plan de acción municipal para combater a violencia contra as mulleres (2004-2007)
- Medidas de Protección Integral contra a Violencia de Xénero: Lei Orgánica 1/2004
- Medidas da Xunta de Galicia
1. Medidas Municipais
O II Plan de acción municipal para combater a violencia contra as mulleres (2004-2007) concreta as liñas de actuación do Concello de Vigo para dar resposta ás mulleres que sofren violencia de xénero. Unha das catro áreas de intervención é a de "Seguimento e apoio económico ás vítimas" con medidas de apoio económico, formación, emprego e conciliación da vida persoal e laboral entre outras.
Descarga o Plan en formato pdf
2. Medidas de Protección Integral contra a Violencia de Xénero: Lei Orgánica 1/2004A muller maltratada ten unha serie de dereitos que están recollidos na Lei Orgánica 1/2004, de 28 decembro, de medidas de protección integral contra a violencia de xénero:
Dereito á información
Tes dereito a recibir toda a información tanto no momento de presentar unha denuncia como posteriormente cando se te notifique a resolución de adopción de medidas de protección.
Dereito á asistencia social integral que abarca os seguintes aspectos:
- Información
- Atención psicolóxica
- Apoio social
- Seguimento das reclamacións dos dereitos da muller
- Apoio educativo
- Formación preventiva nos valores de igualdade
- Apoio á formación e inserción laboral.
Dereito a asistencia xurídica gratuíta
Se tes insuficientes recursos, tes dereito á defensa e representación gratuítas por avogado ou avogada e procurador ou procuradora en todos os procesos e procedementos administrativos que teñan causa directa ou indirecta na violencia padecida.
Dereitos laborais
Tes dereito, nos termos previstos no Estatuto dos Traballadores, á:
- Redución de xornada e reordenación do tempo de traballo: Tes dereito a unha redución da xornada, horario flexible ou adaptación ao horario, nos termos do Convenio Colectivo, ou de acordo coa empresa.
- Mobilidade xeográfica. Se tes que abandonar o posto de traballo na localidade onde traballas, para facer efectiva a túa protección ou o teu dereito á asistencia social integral, tes dereito a ocupar outro posto de traballo, do mesmo grupo profesional ou categoría que a empresa teña vacante en calquera outro dos seus centros de traballo.
- En relación coa suspensión e a extinción do contrato de traballo, tes dereito:
- A que se consideren “xustificadas” as ausencias ou faltas de puntualidade, motivadas pola túa situación física ou psicolóxica.
- Á suspensión do contrato por 6 meses (renovable), con dereito a desemprego e á cotización do período. A non ser despedida polo uso destas medidas.
- A extinción do contrato, coa protección do desemprego.
- Traballadoras por conta propia. Se te atopas neste caso e te ves na necesidade de cesar na túa actividade para facer efectiva a túa protección ou o teu dereito a asistencia social integral suspenderásete a obriga de cotizar durante un período de 6 meses, que serán considerados como de cotización efectiva a efectos das prestacións da Seguridade Social. Así mesmo, a túa situación será considerada como asimilada ao alta.
Dereitos relativos á protección da Seguridade Social
Nos termos previstos na Lei xeral da seguridade social, a suspensión e a extinción do contrato de traballo previstas no apartado anterior, darán lugar á situación de desemprego. O tempo de suspensión considerarase como período de cotización efectiva a efectos das prestacións de Seguridade Social e de desemprego.
Dereitos económicos
- Tes dereito a recibir unha axuda de pago único se careces de renda superior, en cómputo mensual, ao 75% do salario mínimo interprofesional e sempre que se presuma que polas túas circunstancias persoais terás dificultades para obter un emprego. Esta axuda será o equivalente a ao de seis meses de subsidio por desemprego pero a contía poderá ser superior se tes algunha discapacidadeou se tes responsabilidades familiares. Estas axudas son compatibles coas previstas na Lei de axudas e asistencia ás vítimas de delitos violentos e contra a liberdade sexual.
- Acceso á vivenda e residencias públicas para maiores. Polas túas circunstancias, estarás dentro dos colectivos prioritarios no acceso á vivenda protexida e residencias públicas para maiores.
Incentivos e fomento para o emprego das vítimas de violencia de xénero
Isto levarase a cabo a partir de políticas formativas e bonificacións a empresas que contraten a vítimas de violencia, así como programas de acción específico de emprego para favorecer a actividade por conta propia cando sexan demandantes de emprego.
3. Medidas da Xunta de Galicia:
"Salario da liberdade"
Chámase así á prestación que dende marzo de 2006 as mulleres galegas vítimas de malos tratos poden acceder dependendo de se os seus ingresos son maiores ou máis baixos que o Salario Mínimo Interprofesional. A finalidade do salario da liberdade é proporcionar apoio económico ás mulleres que sofren violencia de xénero para lles garantir unhas condicións suficientes de seguridade económica respecto do agresor que lles posibiliten dar o primeiro paso para romper con esa situación. A prestación consiste nunha axuda económica de ata 600 euros mensuais e por un período máximo de 12 mensualidades.
Apoio no aluguer ou merca dunha vivenda:
As mulleres que acrediten ser vítimas da violencia de xénero mediante orde de protección xudicial, dos Servizos Sociais correspondentes ou do centro de acollida, resolución xudicial ou informe do Ministerio Fiscal, e non teñan ingresos pnderados superiores a 2,5 IPREM, poderán recibir da Consellería de Vivenda e Solo da Xunta de Galicia, unha subvención que oscilará entre o 60% e o 80% da renda de aluguer, segundo os tramos de ingresos.
Terán tamén dereito a unha axuda de 2.000 euros para a adquisición dunha vivenda, que poderá sumarse a outras ás que tivera dereito en función da situación familiar e laboral e do nivel de renda. As mulleres que sofren violencia de xénero teñen prioridade na adxudicación das vivendas do programa da Consellería de vivenda e solo da Xunta de Galicia de vivenda en aluguer.
