Escudo Concello de Vigo

Cronista oficial de Vigo

Crónica do acontecido na cidade de Vigo en 2017

CRÓNICA DO ACONTECIDO NA CIDADE DE VIGO EN 2017

Ceferino de Blas, cronista oficial da Cidade de Vigo


Transcorreron moitas décadas dende que a natureza non actuaba de xeito tan determinante na vida de Vigo.

So os máis veteranos do lugar lembran outra situación similar, canso se puxo de moda o lamentable retrouso: a pertinaz seca.

Dende entón diferentes titulares periodísticos e sumarios definiron as características de cada ano que transcorría. Do país e da cidade.

Ata 2017, no que a natureza volveu a desbordar. Anque os seus efectos foron contraditorios: negativos e positivos.

Como ser vivo que é, Vigo acaba de cumprir 207 anos. A súa antigüidade ten orixe na guerra contra Napoleón, que os vigueses e viguesas denominan da Reconquista. O 29 de marzo de 1809, Vigo culminou a epopea de ser a primeira poboación da península que derrotou aos franceses.

Polos méritos contraídos, no seguinte ano foille outorgado o distintivo de cidade cuxo escudo lucía estas divisas: fiel, leal e valerosa.

Case un século despois incorporou a lenda de "sempre benéfica", da que en tantas ocasións fixo gala. É un dos signos que definen o ano que relata esta crónica.

Estado da cuestión

Comecemos coas premisas.

Os presocráticos dicían que o mundo está integrado por catro elementos: aire, terra, auga e lume.

As cidades confórmanas tres compoñentes principais: a xente, o urbanismo e a contorna natural. E Vigo, a cidade obxecto desta crónica, caracterízase por ser marítima, industrial e civil. Tamén polo compoñente rural, que non perdeu. O rururbano vigués é outro dos seus signos.

Con estes conceptos técese o puzzle polo que discorre a historia de 2017.

Cada ano resalta algún dos compoñentes que caracterizan as cidades.

Nalgúns casos é alguén con nome e apelidos quen protagoniza os acontecementos. Agrupados no tempo, son as personaxes que lideraron as diferentes etapas, e á súa actuación debemos os logros que perduran.

Noutros é o colectivo, a propia cidade,que exerce tal influencia -as grandes manifestacións reivindicativas-, que logra os cambios.

Ou o urbanismo, que se configura como un símbolo -unha estatua, o “sireno”- ou transforma a paisaxe urbana, como ocorre coa humanización de rúas.

Pero é a natureza, que engloba os catro elementos do mundo antigo, a que pode condicionar o vivir dunha poboación ou dun territorio.

En 2017 a natureza impúxose, e amosou o seu podería con efectos diverxentes: benéficos e destrutivos.

Seca pertinaz

Galicia parecía un lugar do Sur, ameazado polo avance do deserto. Nunca os embalses acumularan tan escaso caudal. Había moitos anos dende que a seca non supuña un perigo inminente.

En contraste coa magnífica temperatura e os días soleados, que trouxeron máis turistas que nunca á rexión e á cidade, a persistente ausencia de chuvias foi reducindo os pantanos, o de Eiras, e a presa de Zamáns, coa que Vigo subministra ao seu territorio e aos concellos da contorna, ata un mínimo que non se lembraba.

Por primeira vez temeuse a aplicación de funestas restricións -hóuboas para o rego-, e se pensou en iniciar as obras dun transvasamento do Río Verdugo, que quizais será imprescindible no futuro, ante o cambio climático, se retorna unha seca extrema.

Que ninguén pense que un ano ou dous de chuvias é a solución.

Lamentablemente, ante un ben imprescindible como a auga, xurdiron conatos de protesta por parte dalgúns concellos polos que correo o Río Verdugo que, paradoxalmente, se abastecen dos encoros de Vigo. Opóñense ao transvasamento e chegaron a organizar manifestacións. O seu comportamento asemella ao do famento que morre de inanición por preservar o alimento do futuro.

Arde a terra

No contraste dos elementos sempre predomina un. A auga fíxose remisa e o lume desatouse. Foi o que ofreceu a cara máis horrible, ao presentarse veloz e envolvente, provocado na súa orixe previsiblemente por mans criminais, na maioría dos trescentos incendios declarados durante 48 horas.

Os días máis convulsos foron o 14 e 15 de outubro, que encheron de fume a cidade, levando o medo a moita xente, que xamais imaxinou unha situación semellante. E o que aínda é máis terrible: as lapas causaron catro mortos, tres na contorna de Vigo, e arrasaron arredor de 50.000 hectáreas.

O lume cercou núcleos urbanos. En Vigo desencadeáronse un total de 93 focos simultáneos en diversos puntos, que rodearon a cidade, o domingo 15 de outubro. Todo o país estivo pendente do que acontecía en Vigo, xa que as televisións e as redes sociais difundiron imaxes dantescas do que sucedía.

A desgraza fixo brotar o mellor da cidadanía viguesa. Unha riada de solidariedade puxo freo en moitos sitios ao lume devorador. Formáronse cadeas humanas cos máis primitivos recursos, con cubos de auga e todo o que estivese ao alcance para combater as lapas que se achegaban implacables e mortíferas ás vivendas.

Un home morreu en San Andrés de Comesaña, ao caer dun muro cando ía avisar a unha veciña do avance do incendio.

Na comarca faleceron dúas mulleres de Chandebrito, cando trataban de escapar nun vehículo e foron rodeadas polas lapas. O cuarto falecemento produciuse en Carballeda de Avia (Ourense).

Pasada a treboada de lume, co alivio dunhas chuvias mínimas, e a tregua que deron os incendiarios, queda o dó polos mortos, o medo de ter estado ao borde da perda das propiedades, e mesmo da vida, daqueles que se viron ameazados en primeira liña e estiveron máis expostos. E persiste a dor polos estragos nos montes, a vexetación, a paisaxe. ¡Non cabe imaxinar tanto espanto causado por seres humanos, que fai chorar aos espíritos sensibles, que mete a tristura no máis fondo!

Non é o lume purificador da noite de San Xoán, e o incendio criminal de Nerón na cidade de Roma.

Oxalá non volva a repetirse, non porque os pirómanos deixen de actuar, que as mentes criminais non adoitan lamentar a desgraza allea, senón porque haxa tanta prevención e tanta cooperación cidadá que non se dean as condicións para que se desencadeen grandes incendios.

¡Que esplendorosa é a natureza, pero que terrible cando se desata!

Máis 365 días

O que acontece é o pouso, o contido do gran titular que resume o transcendente do ano.

Agora tocan os sumarios, as outras cuestións, para completar o que aconteceu durante os doce meses transcorridos.

Aparecen como temas menores comparados co soprido da natureza, pero houbo outros asuntos salientables en 2017, porque nos 365 días do ano sempre xorden novas que se lembran.

Aínda que o que ocorre no mundo e no país supere a vida cotiá da contorna, Vigo como escenario non ten parangón.

Que llo digan ao poeta Celso Emilio Ferreiro que, con motivo da Festa da Reconquista de 1954, cualificou á cidade coma un milagre. E así titulou o seu artigo: “Vigo, puro milagre”.

Unía ao acerto da definición a esvelteza literaria: "Vigo é o milagre do mar que brota como unha flor na súa orela".

Amor a primeira vista

Sempre foi belamente descrita, porque a percibían cos ollos da inocencia de quen acaba de chegar, os que viñeron de fóra. De aí que sexan tantos os forasteiros que se sentiron atrapados e aos que namorou. Un amor a primeira vista.

Por é unha cidade de acollida. Ata o extremo de que hai so un cuarto de século que os nados no seu territorio superaron aos residentes foráneos.

Ocorreu no censo de 1991, e se deu a coñecer como un acontecemento. Por primeira vez na historia moderna, en Vigo vivían máis persoas nativas que chegadas de fóra.

A receptividade e a capacidade de integrar figuran entre os seus signos distintivos, e o efecto é que a inmensa maioría de moradores doutras procedencias séntense tan fondamente vigueses coma os nativos.

Moitas das obras salientables da cidade débense a eles. Contribuíron ao milagre de empresa, o comercio, a docencia, a arte, a tecnoloxía ou a innovación. E dende a política.

A cidade é un ser dinámico, nas súas rúas, na arquitectura e na paisaxe. Por iso cambia e se transfigura. Cando se rehabilita un edificio no Casco Vello, retorna unha imaxe antiga e se readapta ao presente. Cando un personaxe emerxe porque volve a cobrar prominencia, lémbrase a quen fixo cousas importantes e se revitaliza a súa figura.

Vigo, en contra de infundados negacionismos, ten memoria histórica.

Adaptouse aos signos dos tempos, ao que estaba predestinada, a se a maior poboación de Galicia. Con erros, pero con notables acertos, porque o crecemento urbano que promoveron os antepasados vigueses, está na cidade de pedra da que fala Otero Pedrayo: suntuosa, encomendada a excelentes arquitectos.

Máis turistas que nunca

Ano incrible de sol e turismo, no aspecto positivo da climatoloxía. Trouxo a tanta xente como non se lembraba. Os hoteis rexistraron una grande afluencia de clientes de todas as rexións de España, e as terrazas multiplicáronse e agrandáronse para acoller tanta demanda.

Tal cúmulo de visitantes tivo unha repercusión considerable no tráfico dos barcos da ría, que nas súas regulares rutas a Cangas e Moaña superaron todos os rexistros. As colas que se formaban eran moi longas e as cubertas foron repletas na maioría das viaxes.

En especial os sábados e domingos, nos que inxustificadamente reducen á metade as frecuencias, ao saír os barcos cada hora.

As compañías non contemplan a circunstancia da grande afluencia estival e manteñen o servizo do inverno. Nin consideran actualizar o horario, que debería ser ampliado ata a media noite nas fins de semana.

Outra consecuencia positiva do turismo foi o récord de viaxeiros de Peinador: máis dun millón, como antes da crise. O que era impensable logrouse: cambiar a tendencia e mirar ao futuro con máis voos e compañías que operan dende Vigo, pese á voracidade de Oporto e a competencia de Lavacolla.

Cíes, o temor ao récord

Pero o que superou todas as previsión foi a demanda para ir a Cíes, convertidas no segundo monumento de Galicia tras a Catedral de Santiago, pese ao establecemento do numerus clausus para viaxar a elas.

O entusiasmo de tantos milleiros de persoas por pasar unhas horas nas Illas desatou a picaresca, e algunhas das compañías navieiras que fan os traslados ignoraron as recomendacións, cargando maior número de pasaxeiros do permitido e, o que é máis reprobable, facendo trampas para despistar á autoridade.

Fixeron ben os responsables ao impoñer multas aos infractores, porque é deber e obriga de todos protexer as Illas e impedir que se convertan nun parque de ocio. ¡O récord en número de visitantes é o gran perigo!

As Cíes demandan cada vez máis protección, que so se acadará cando se faga realidade o anhelo de que sexan proclamadas Patrimonio da Humanidade.

Dende a cidade emprendeuse unha forte campaña, con participación de amplos sectores sociais -en especial técnicos e académicos-, para conseguilo. É un obxectivo prioritario.

Deporte urbano

Outro momento culminante do verán foi a celebración dunha nova edición do Marisquiño, que xa se converteu nunha cita inescusable para os amantes dos deportes urbanos. Sen dúbida é a festa de referencia en España neste ámbito.

Vigo acertou plenamente ao adoptar como propia a moda dos deportes das tribos urbanas, que constitúe un estilo de vida, porque sintoniza co afán de modernidade que a caracteriza.

Non so acapara o tirón que exerce entre a xente nova, senón que repercute na xeneralidade da xente, interesada no espectáculo, e que gusta de contemplar esas acrobacias tan espectaculares.

Vigo asumiu con naturalidade a capitalidade do deporte urbano. As imaxes neoiorquinas ou californianas que se vían nas películas, de xente nova practicando contorsións nas beirarrúas, sobre táboas de patíns, bicicletas especiais e facendo malabarismos, forma parte do corpus de atraccións estivais.

Da cuestión política

Aínda que esta crónica obvia explicitamente as cuestións partidarias da política, por inmediatas, e moitas veces inconsistentes, hai un feito que pola súa repetición e transcendencia cómpre sinalar.

Cando no futuro se analice esta etapa atoparanse cos debates entre o Alcalde de Vigo, Abel Caballero e o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo. Son líderes nos seus respectivos ámbitos e ambos elixidos por maioría absoluta, en tempos nos que as maiorías son rara avis. De aí a repercusión do que din. Os seus enfrontamentos acaparan a atención de Galicia, ata escurecer o resto de debates, en clara demostración de que Abel Caballero coloca a Vigo no lugar que lle corresponde: o centro da política autonómica.

Acadou o que parecía impensable: que a palabra Vigo preceda en interese a todas as demais. Porque Vigo ten unha entidade superior ao resto de cidades, e o que reclama o Alcalde é de xustiza, por débedas ou cuestións pendentes da Xunta.

Nada novo baixo o sol, no que se refire á relación das administracións con Vigo. Ao longo da historia aparecen frecuentes referencias ás queixas da cidade polo seu abandono. E non faltan ocasións nas que as autoridades viguesas chegaron a transmitir a outras institucións que non querían nada. Só que as deixaran facer e non as obstaculizaran.

O Pergamiño Vindel

Despois de un século do seu descubrimento en Madrid polo anticuario Pedro Vindel, que lle da nome, chegou para a súa exposición o pergamiño coas cantigas musicadas do xograr Martín Códax, nas que cita por primeira vez o nome de Vigo.

O pergamiño, que adquiriu o diplomático e músico español, Rafael Mitjana – pese a que Rodríguez Elías pedira en 1917 que o comprase a cidade -, trasladouse a Uppsala onde exercía. Á súa morte pasou aos seus herdeiros, e tras un período de esquecemento e silencio, saíu a poxa e foi adquirido pola Morgan Gallery de Nova York. É esta institución a que o cedeu para a súa exposición. De outubro de 2017 a marzo de 2018.

Lamentablemente o pergamiño non se expuxo no museo central de Vigo, o que daría ocasión a que o admirasen todos os vigueses, senón no Museo do Mar, unha estrutura fabril recuperada nun fermoso lugar, que pola súa localización non propicia as visitas masivas no inverno.

A cidade latexa e reacciona cada vez que é incentivada. A presenza do Vindel reavivou os sinais de identidade de Martín Códax: a escultura que ten erixida no Castro e o nome da súa rúa, próxima á de Alfonso XIII.

A súa entrada no rueiro decidiuna o concello nunha sesión presidida polo Alcalde Ceferino Maeztú, de cuxa corporación formaba parte o periodista, historiador e futuro cronista oficial da cidade, Avelino Rodríguez Elías. A el correspóndelle a iniciativa.

Naquel tempo, con Vigo en pleno desenvolvemento, era necesario poñer rótulos a novas rúas. Ao designar a de Martín Códax, un número considerable de vigueses aprenderon por primeira vez o seu nome. Corría o ano 1920.

Arte nas paredes

Se a arte pode contemplarse ao aire libre é cando menos sinal de bo gusto. Máxime se se pon beleza onde non existía. E o que comeza a distinguir á cidade.

O feísmo das paredes medianeiras está a ser substituído polo colorido de grandes murais. Elementos puramente estruturais, as máis das veces feos, estanse a transformar grazas ao programa municipal do embelecer os espazos para admirar. Cada vez máis edificios son transformados en pezas dun museo ao aire libre, ata o punto de que se organizan percorridos descritivos para contemplar as obras máis atractivas. Ás veces explícanas os seus propios autores.

O tímpano da Concatedral

Os poetas vigueses do século pasado, que houbo en abundancia, estarían encantados de que a Concatedral, coa oliveira, árbore totémica, ao seu carón, recuperase un elemento que fala da súa antigüidade e o seu esplendor, o tímpano.

Representa dúas escenas dos Evanxeos: unha é a Anunciación e outra a Epifanía.

E o único elemento da antiga igrexa de Santa María, patroa de Vigo, que sobreviviu aos saqueos do pirata Drake, os incendios e outros excesos.

Despois de moitos anos de exilio o tímpano volveu ao seu lugar de orixe.

Gonzalo de Vigo

O porto, tan importante para a cidade, que constitúe a súa base económica e social, e foi clave para superar o illamento que supón se unha esquina da finis terrae, tamén se sumou á recuperación histórica. Deu vida, coa erección da súa estatua, a unha personaxe peculiar: Gonzalo de Vigo. Explorador do século XVI, participou na grande aventura de Magallanes e Elcano de dar a primeira volta ao mundo.

O cronista Gonzalo de Oviedo non o trata ben, porque escribe que foi un desertor co que leva consigo de pexorativo tal acusación.

Pero o que fixo o expedicionario vigués da volta ao mundo foi desembarcar nas Molucas e salvar a vida, para fortuna dos españois.

Cando regresou unha segunda expedición que o recatou, serviulles de intérprete e a súa medición será decisiva para que os compatriotas non fosen masacrados polos nativos.

Deixáronnos

Entre quen quedou no camiño, cabe lembrar a Alfonso Zulueta de Haz, prestixioso Notario, gran galeguista e amigo de todas as personalidades que deron gloria a Galicia na segunda metade do pasado século. Foi presidente do Consello da Cultura Galega, e ata a súa morte, da Fundación Penzol. Foi membro do Instituto de Estudios Vigueses.

Coa fin de ano tamén nos abandonou a poetisa Xohana Torres, que ocupaba un asento na Real Academia Galega.

A arte viguesa tamén se vestiu de loito coa morte dun representante destacado, Pedro Solveira, creador de formas co metal, unhas composicións que entroncan coas súas orixes en Teis.

Fronte á tristeza polas perdas, a alegría de que Luis Torras, o decano dos artistas vigueses, e galegos, segue creando. A piques de mudar de ano cumpriu 105, e para festexalo amosou o seu último traballo ¡e os seus proxectos!.

Outro motivo de satisfacción para a cultura viguesa é o galardón obtido polo poeta Antonio García Teijeiro: o premio Nacional de Literatura.

A ponte de Rande

O cambio máis profundo na imaxe da contorna foi a ampliación da ponte de Rande. Perdeu o seu perfil estilizado orixinal, e ensanchou, como as persoas que gañan kilos coa idade. Xa non presenta a liña esvelta que luciu durante os 36 anos cumpridos.

A finais de decembro inauguráronse os novos carrís que dan servizo ao Morrazo, co que se gaña capacidade para evitar os atascos que se producen no verán.

Para solemnizar a efeméride veu o presidente do Goberno, Mariano Rajoy.

As présas por poñer apta a ponte para o tráfico antes do novo ano, atribúense ao afán da compañía Audasa por incrementar o prezo da peaxe en 2018.

O Vigo industrial

Vigo demostrou o seu carácter industrial co automóbil. Citroën-PSA rexistrou un novo récord de produción de furgonetas, e é a causa de que se lle encomendase fabricar un novo modelo, chamado K9.

Significa que haberá contratacións de persoal e creación de empregos.

Os patróns da firma francesa puxeron á factoría viguesa os deberes de competir con África. É un reto nada sinxelo, debido á potencia que adquire o sector en Marrocos.

Dende os anos cincuenta, Vigo moveuse no laboral ao compás da industria do automóbil, que transformou a fisionomía económica da área, ata entón eminentemente pesqueira. Os ritmos sociais e laborais márcaos dende entón o polígono de Balaídos, onde se asenta a factoría automobilística.

Un bo exercicio de produción repercute no movemento portuario, que puxo en marcha a Autoestrada do Mar, un importante activo para a cidade.

O comenzo da recuperación da crise, tamén se percibe pola revitalización dos estaleiros, que durante decenios foron o núcleo industrial. E perderan empuxe.

A proxección do documental “Vigo 1972”, que describe a gran folga que causou inquietude no réxime franquista e puxo á cidade na vangarda obreira, é un reflexo do que significou a construción naval para á ría.

Cara o futuro

Se queres a paz, prepárate a guerra, argumentaban os clásicos.

Parafraseándoos, poderíase dicir: se queres unha cidade mellor, organiza o futuro.

É a actitude de Vigo que deseña o seu para satisfacer necesidades non cubertas e mellorar a habitabilidade.

Por fin, haberá Cidade da Xustiza que satisfaga á débeda pendente co territorio máis poboado de Galicia que non dispón das infraestruturas apropiadas.

Instalarase no soar do antigo Hospital Xeral, que durante máis de medio século foi o complexo sanitario máis importante do Sur de Galicia, e está a ser demolido.

Unha localización céntrica e con capacidade sobrada para instalar unhas dependencias modernas e funcionais, como merece o feito de dispensar Xustiza, e coas que nunca contou.

Tamén encarrila o seu futuro a Panificadora, despois de presentar durante décadas un aspecto fantasmagórico, dominando o Casco Vello. Existe vontade de transformala e axeitala a novos destinos.

Volverá a ser, xa rehabilitada, outro dos referentes urbanos da cidade, que se rexuvenece coa recuperación deste emblema da arquitectura industrial. E non debemos esquecer: Vigo é unha cidade industrial.

A cidade vertical

Pero o proxecto máis ambicioso e transformador é o que pretende reverter a esencia da urbe. Lograr que o que a natureza creou, os outeiros, as pendentes, as costas que fatigan e dificultan o movemento da xente, sexa transformado pola tecnoloxía para facilitar a mobilidade a persoas de todas as idades e capacidades de desprazamento.

Xa ten unha denominación recoñecida: o Vigo Vertical, que comenzou coas escaleiras mecánicas e os ascensores, e continuará coas pasarelas ao estilo dos grandes aeroportos.

Entraña o risco de modificar a paisaxe, polo que o seu deseño esixe unha grande imaxinación e tacto na súa execución. É un reto complexo para enxeñeiros e urbanistas.

O Celta, ao borde do éxito

No deporte, tan vinculado á historia da cidade, pola antiga e significativa presenza británica, que o introduciu no último cuarto do século XIX – antes que noutras cidades - , predominou o fútbol. Foi un bo ano para o equipo máis representativo, o R.C. Celta, que deu satisfaccións aos seus seguidores, aínda que non plenas.

Chegou á orela, a competir en dous semifinais: na Copa do Rei, fronte ao Alavés, e na Europa League, contra o Manchester United.

Pero como lle ocorreu nas tres finais da Copa do Rei que disputou na súa traxectoria, a sorte deulle as costas. Os xogadores, e por suposto os afeccionados, despedíronse entre bágoas.

A boa nova é que o futuro do estadio quedou despexado co compromiso do Concello de remodelar e modernizar completamente o histórico Balaídos. Coa tribuna xa rematada, e a grada de Río a piques de se estrear, intúese que o estadio será un novo símbolo arquitectónico da cidade.

Pero segue sen resolverse a substitución do centro de adestramento de A Madroa pola pretensión da directiva do club de construír unha Cidade Deportiva en Mos. Unha opción problemática.

Outro motivo de satisfacción foi o ascenso do Rápido de Bouzas a Segunda División B. Unha fazaña dun equipo modesto, que representa á antiga municipalidade que loce no nome.

Brillante final

O ano terminou da maneira máis brillante. Espectacular, poderíase dicir. O alumeado do nadal foi tan cegador que atraeu a todos os vigueses e a moitos forasteiros a contemplalo. A proba do éxito son as constantes riadas de xente percorrendo a rúa do Príncipe, Porta do Sol e adxacentes durante as datas do nadal.

Pero tamén as repercusións para o comercio, como testemuña o comentario da empregada dunha farmacia da rúa Policarpo Sanz: hai sempre colas, como nos mellores tempos.

E é que a árbore da Porta do Sol e a esfera de Príncipe non tiñan parangón en Galicia e posiblemente en España.

A facer máis doce a fin de ano tamén axudou o cambio da meteoroloxía. Aínda que resulte paradoxal, a chegada da chuvia foi acollida con entusiasmo tras un ano de seca extrema.

Coda do Cronista

O 20 de marzo, nun solemne acto no Pazo de Castrelos, presidido polo Alcalde Abel Caballero, tomaba posesión como Cronista Oficial da Cidade de Vigo, Ceferino de Blas García, periodista, director de Faro de Vigo dende 1986 a 1994, e membro do Instituto de Estudios Vigueses.

O novo Cronista é o sexto dos que houbo na cidade. Precedéronlle por esta orde:

Nicolás Taboada Fernández, Avelino Rodríguez Elías, José Espinosa Rodríguez, José María Álvarez Blázquez e Bernardo (Lalo) Vázquez Gil.

Nun breve discurso, resaltou a capacidade de acollida de Vigo que nomea para esta responsabilidade a persoas que non naceron na cidade. Con excepción de Taboada Fernández, os cinco restantes non son nativos.

Por respecto ao rigor histórico, aclarou un erro estendido e moi repetido, que atribúe ao médico e historiador Nicolás Taboada leal ser o primeiro Cronista da cidade.

Foi unha invención dos años sesenta. Taboada Leal nunca recibiu ese título do Concello de Vigo ao que corresponde o nomeamento.

Neste punto, non foi o mellor comezo para o novo Cronista, que en absoluto se satisfai desta precisión.

Nicolás Taboada Leal fixo tanto pola historia da cidade que ben merece o nomeamento a título póstumo. Débelle tanto a cidade que é un acerto que o seu nome fose rescatado para designar unha parte do Hospital Xeral que sobrevive como servizo sanitario.

 

Vigo, 24 de abril de 2018


Buzón de suxestións

Pode enviar súas suxestións ao correo electrónico: cronistaoficial@vigo.org

Volver ao inicio