Volver á paxina principal

Concello: Valedor do cidadán

O Valedor do cidadán é o comisionado do Pleno do Concello de Vigo para a defensa dos dereitos e intereses dos veciños de Vigo, que poderá supervisar a actuación da Administración municipal e o resto dos organismos e entidades dependentes dela, no ámbito das competencias que se lle atribúen no regulamento.

Toda persoa natural ou xurídica, sen distinción de clase que teña interese lexítimo poderá dirixirse ó Valedor do cidadán. Os concelleiros de Vigo e mailos grupos municipais constituídos poderán pedir mediante escrito motivado, a intervención do Valedor do cidadán para a investigación ou esclarecemento de actos, resolucións e conductas concretas efectuadas na Administración municipal de Vigo, que lle afecten a un cidadán ou grupo de cidadáns.

Competencias

As competencias do Valedor do cidadán esténdense á Administración municipal, ós seus organismos autónomos, empresas e demais entes públicos que dela dependan ou que nela participen, aínda que esta sexa minoritaria; ós servicios xestionados mediante concesión administrativa e, en xeral, calquera organismo ou entidade pública ou privada, que realice funcións de servicio público e se atope suxeita a calquera tipo de tutela naquilo no que afecte ás materias integradas na competencia da Administración municipal de Vigo.

Das queixas ou denuncias que reciba con referencia ás administracións públicas alleas á Administración municipal, o Valedor do cidadán informará, orientará e tramitará a petición do interesado a correspondente queixa diante do "Defensor del Pueblo" ou do "Valedor do Pobo" no seu caso.

Quedan excluídos da competencia do Valedor do cidadán a Administración periférica do Estado e da Xunta de Galicia no municipio de Vigo e os organismos autónomos, empresas públicas ou que participen ou concesionarias de servicios públicos da Administración do Estado e da Xunta de Galicia; a Administración de Xustiza; tódalas cuestións de persoal ou que estean sometidas a procedementos xurisdiccionais e as funcións de control político da actividade municipal.

Tramitación de queixas

As queixas ou denuncias que se dirixan ao Valedor do cidadán formularanse polo propio interesado, nun escrito e no prazo máximo dun ano, que contará a partir do momento no que coñecese os feitos que a motivan. As actuacións que acheguen queixas perante o Valedor do cidadán serán gratuítas para o interesado sen que sexa necesaria a asistencia do letrado ou procurador.

Admitida a queixa, o Valedor do cidadán promoverá a oportuna investigación sumaria e informal, para o esclarecemento dos seus presupostos e informará o interesado dos seus resultados.

O Valedor do cidadán dará conta anualmente ao Pleno do Concello de Vigo da xestión realizada e os informes estarán a disposición dos veciños.

------------------
Contacte co Valedor do cidadán
Casa das Artes, 4º andar
Policarpo Sanz, 21