Escudo Concello de Vigo

Servizos Sociais

Infancia e familia

Desenvólvese un programa de familia e un programa de apoio á escolarización mediante axudas municipais escolares, comedor e material escolar. Hai un programa específico de infancia (teléfono: 986 272 598), colaboración con entidades que traballan coa infancia e organízanse outras actividades como o Día internacional das nenas e os nenos, pleno infantil...

  • Máis información relacionada coa Infancia.

AMES: Axudas municipais escolares para libros e comedor

 

As axudas van destinadas as familias empadroadas en Vigo, con alumnos e alumnas matriculados en colexios públicos e con concerto pleno de Educación Infantil (2ª etapa), Educacion Primaria e Educación Secundaria.

Máis información e documentación.

Lista de trámites

Axuda para a Subministración de Leite e Produtos Lácteos aos Alumnos de Centros Escolares

Esta axuda ten por obxecto a concesión a prezo reducido de leite e determinados produtos lácteos aos alumnos de centros escolares.

Axudas de Prevención e Apoio a Familias en Situacións Carenciais Graves para a Preservación do Menor no seu Medio

A finalidade destas axudas é proporcionar apoio económico e profesional ás familias para garantirlles a atención adecuada aos seus fillos e favorecer a permanencia destes no seu medio, evitando os riscos de desestruturación familiar, así como facilitarlle ás unidades familiares a adquisición de habilidades de atención, coidado e educación dos menores e a capacidade de autoorganización do núcleo familiar.

Axudas á Conciliación da Vida Familiar e Laboral para os Traballadores que se Acollan á Redución da súa Xornada de Traballo

Tramitación da concesión de axudas á conciliación da vida familiar e laboral como medida de fomento da corresponsabilidade para os traballadores que se acollan á redución da súa xornada de traballo.

Dedución no IRPF por Maternidade

A lei do Imposto sobre a Renda das Persoas Físicas (IRPF) regula a dedución por maternidade por fillos menores de 3 anos de ata 1.200 € anuais por cada fillo nado ou adoptado en territorio español. Os contribuíntes do IRPF con dereito a esta dedución poden solicitar o abono anticipado da mesma.

Dedución no IRPF por Maternidade. Pago Anticipado.

A lei do Imposto sobre a Renda das Persoas Físicas (IRPF) regula a dedución por maternidade por fillos menores de 3 anos de ata 1.200 € anuais por cada fillo nado ou adoptado en territorio español. Os contribuíntes do IRPF con dereito a esta dedución poden solicitar o abono anticipado da mesma.

Permisos e Subsidios por Maternidade

O permiso de maternidade é o período de descanso laboral que ten todo traballador, home ou muller, nos casos de parto, adopción ou acollemento, sen perder os seus dereitos salariais nin laborais.

O subsidio por maternidade é a prestación económica que recibe da Seguridade Social o traballador, home ou muller, durante o período de descanso maternal.

Permisos e Subsidios por Paternidade

O permiso de paternidade é o período de descanso que teñen os traballadores nos casos de nacemento de fillo, adopción ou acollemento, sen perder os seus dereitos salariais nin laborais, con independencia do goce compartido dos períodos de descanso por maternidade.

O subsidio de paternidade é a prestación económica que recibe da Seguridade Social o traballador durante o período de descanso por paternidade.

Prestacións Familiares: Excedencia por Coidado de Familiares (Prestación non Económica)

A excedencia é o permiso a que ten dereito un traballador durante un período de tempo pero sen dereito a seguir recibindo o salario que viña cobrando.

A excedencia por coidado de familiares pode durar un tempo máximo de 2 anos, salvo que por negociación colectiva amplíese.

Prestacións Familiares: Excedencia por Coidado de Fillos Menores de 3 Anos (Prestación non Económica)

A excedencia é o permiso a que ten dereito un traballador durante un período de tempo pero sen dereito a seguir recibindo o salario que viña cobrando.

A excedencia por coidado dun fillo menor de 3 anos é o permiso de traballo ao que ten dereito o traballador por un período máximo de 3 anos para coidar ao fillo, sexa biolóxico ou sexa por adopción ou por acollemento (permanente ou preadoptivo aínda que estes sexan provisionais).

Pode pedir esta excedencia desde o nacemento do fillo ou desde que se fai firme a resolución administrativa ou xudicial da adopción ou do acollemento.

Prestacións Familiares: Prestación económica por fillo ou menor acollido a cargo

Consiste nunha asignación económica que se recoñece por cada fillo a cargo do beneficiario, menor de 18 anos ou maior afectado dunha minusvalía en grao igual ou superior ao 65%, calquera que sexa a súa filiación, así como polos menores acollidos en acollemento familiar, permanente ou preadoptivo, sempre que non se supere o límite de ingresos establecido.

Prestacións Familiares: Prestación económica por nacemento ou adopción de terceiro ou sucesivos fillos

Prestación económica de pagamento único, que ten por obxecto compensar, en parte, o aumento de gastos que produce o nacemento ou adopción do terceiro ou sucesivos fillos naquelas familias que non superen un determinado nivel de ingresos.

Prestacións Familiares: Prestación económica por parto ou adopción múltiples

Prestación de pago único que ten por obxecto compensar, en parte, o aumento de gastos que produce nas familias o nacemento ou a adopción de dúas ou máis fillos por parto ou adopción múltiples.

Redución da Xornada Laboral por Coidado de Menores e outros Familiares

O traballador/a pode pedir esta redución de xornada, sendo proporcional a súa redución de salario cando:

- O traballador, home ou muller, teña a garda legal e o coidado directo dun menor de oito anos.

- O traballador, home ou muller, teña a garda legal e o coidado directo dunha persoa con discapacidade física, psíquica ou sensorial que non realiza unha actividade retribuida.

- O traballador, home ou muller, teña o coidado directo dun familiar (avós de ambos os cónxuxes, netos, pai, nai, irmáns, cónxuxe, fillos, cuñados, sogros) e que pola súa idade, ou por ter un accidente ou padecer unha enfermidade non pode valerse por si mesmo e non traballe.

Redución da Xornada Laboral por Lactación

Os traballadores/as teñen dereito a pedir redución da súa xornada de traballo por diferentes razóns. A redución da xornada por lactación pídese nos supostos de lactación do fillo menor de nove meses, entendéndose por lactación a alimentación do recentemente nacido.

O traballador pode estar fora do posto de traballo unha hora, que pode repartirse en dúas fraccións. A duración deste permiso incrementarase proporcionalmente nos casos de parto múltiple.

A muller pola súa vontade, pode:

- Substituír este dereito por unha redución da súa xornada en media hora coa mesma finalidade.

- Acumulalo en xornadas completas nos termos previstos na negociación colectiva no acordo a que chegue co empresario respectando, no seu caso o establecido naquela.

Redución da Xornada Laboral. Outros Permisos

O traballador/a pode pedir outros permisos ou reducións de xornada e recibir o mesmo salario como mínimo nos seguintes casos:

- Ambos teñen un permiso de 15 días cando casan.

- Ambos teñen 2 días de permiso por falecemento, accidente ou enfermidade graves, hospitalización ou intervención cirúrxica sen hospitalización que precise repouso domiciliario de parentes ata o segundo grao de consanguineidade ou afinidade, hospitalización dun familiar directo (avós de ambos os cónxuxes, netos, pai, nai, irmáns, cónxuxe, fillos, cuñados, sogros), a non ser que teña que desprazarse fora do lugar de traballo, en que terán 4 días de permiso.

- A traballadora poderá saír do seu traballo o tempo que necesite para a realización dos exames prenatais e das técnicas de preparación ao parto.

- O traballador ten un permiso de 2 días cando nace o seu fillo, a non ser que teña que desprazarse fora do lugar de traballo, neste caso terá 4 días de permiso.

- A nai ou o pai terán dereito a ausentarse do traballo durante unha hora, nos casos de nacementos de fillos prematuros ou que deban permanecer hospitalizados tras o parto. Así mesmo, terán dereito a reducir a súa xornada ata un máximo de dúas horas, coa diminución proporcional do salario.

O traballador terá dereito a adaptar a duración e distribución da xornada de traballo para facer efectivo o seu dereito á conciliación da vida persoal, familiar e laboral nos termos que se establece na negociación colectiva ou no acordo a que chegue co empresario respectando, no seu caso o previsto naquela.

Título de Familia Numerosa. Renovación por Cambio do Número de Membros da Unidade Familiar

O Título de familia numerosa deberá renovarse ou deixarse sen efecto cando varíe o número de membros da unidade familiar ou as condicións que deron motivo á súa expedición e isto supoña un cambio de categoría ou a perda da condición de familia numerosa, existindo o deber de comunicar á Administración, no prazo máximo de tres meses, todas as variacións que se produzan na unidade familiar e deban ser tidas en conta.

Título de Familia Numerosa. Renovación por Estudos dos Fillos de máis de 21 Anos.

O Título de familia numerosa deberá renovarse ou deixarse sen efecto cando varíe o número de membros da unidade familiar ou as condicións que deron motivo á súa expedición e isto supoña un cambio de categoría ou a perda da condición de familia numerosa, existindo o deber de comunicar á Administración, no prazo máximo de tres meses, todas as variacións que se produzan na unidade familiar e deban ser tidas en conta.

O límite de idade establecido dos 21 anos dos fillos, poderá ampliarse ata os 25 anos se cursan estudos adecuados á súa idade e titulación ou encamiñados á obtención dun posto de traballo.

Título de Familia Numerosa. Renovación por Minusvalidez Suxeita a Revisión dos Fillos Maiores de 21 Anos.

O Título de familia numerosa deberá renovarse ou deixarse sen efecto cando varíe o número de membros da unidade familiar ou as condicións que deron motivo á súa expedición e isto supoña un cambio de categoría ou a perda da condición de familia numerosa, existindo o deber de comunicar á Administración, no prazo máximo de tres meses, todas as variacións que se produzan na unidade familiar e deban ser tidas en conta.

O límite establecido de 21 anos para os fillos queda sen efecto no caso de ser minusválidos ou estar incapacitados para traballar no que non existe límite de idade.

Título de Familia Numerosa. Solicitude.

O título de familia numerosa é o documento que se concede para acreditar a condición de familia numerosa, así como na categoría en que a mesma está clasificada e poder facer uso daqueles beneficios que estean establecidos para este tipo de familias, para o que deberá presentarse este título cada vez que queiran beneficiarse das axudas previstas. O título terá validez en todo o territorio nacional.

Persoas Beneficiarias

Consideraranse beneficiarios do Título de familia numerosa:

- O pai, a nai ou ambos conxuntamente cando exista vínculo conxugal e, de ser o caso, o cónxuxe dun deles. Tamén a persoa ou persoas que, faltando os anteriores, tivesen ao seu cargo a tutela ou acollemento familiar permanente ou preadoptivo dos fillos, sempre que estes convivan con ela ou elas e ás súas expensas.

- Todos os fillos que cumpran os requisitos anteriormente mencionados, tendo a mesma consideración que os fillos as persoas sometidas a tutela ou acollemento familiar permanente ou preadoptivo legalmente constituído.

Categorias de Familia Numerosa

As familias numerosas clasifícanse en razón do número de fillos:

Categoría especial:

- as de cinco ou máis fillos.

- as de catro nos seguintes supostos:

a) se alomenos tres dos fillos proceden de parto múltiple, adopción múltiple ou acollemento permanente ou preadoptivo múltiple.

b) se os seus ingresos anuais, divididos polo número de membros que as compoñen non superan en cómputo anual o 75% do IPREM, incluídas as pagas extraordinarias.

Categoría xeral: O resto das unidades familiares.

Cada fillo discapacitado ou incapacitado para traballar computa como dous para determinar a categoría na que se clasifica a unidade familiar da que forma parte.

 
 

Concello de Vigo - Praza do Rei 1 - 36202

Vigo (Pontevedra)

Teléfono: 986810100